Unha encomenda «de gaiteiro a gaiteiro»

Antes de morrer, Ricardo Portela encomendou a Carlos Núñez que transcribira a súa ornamentación. O Consello da Cultura publica 41 partituras con un estudo introdutorio

O gaiteiro Ricardo Portela
O gaiteiro Ricardo Portela

Santiago / La Voz

Esta é unha historia de tempos afastados e sistema pechado. De miles de quilómetros e revolucións a ralentí. De foles e palletas, de pentagramas e casetes. De sabedoría ancestral e tempos modernos. Esta é a historia da encomenda do derradeiro representante da estirpe dos vellos gaiteiros a un mozo de Vigo que viaxou a Bretaña e regresou cun sistema de representación do invisible debaixo do brazo. Unha historia De gaiteiro a gaiteiro. Unha misión que levou trinta anos e unha pandemia completar.

-Carliños, quero pedirche un favor. Poderías transcribirme a miña versión de Aires de Pontevedra con todos os meus adornos?

Ricardo Portela, o derradeiro herdeiro do Gaiteiro de Soutelo, morría poucos días despois de chamar a Carlos Núñez na fin de 1991 para facerlle unha encomenda de gaiteiro a gaiteiro. Non chegaría a ver como o seu testamento brotaba agora, visible, dos pentagramas. Tiña 16 anos cando Núñez colleu un tren de Vigo a Bretaña para estudar gaita escocesa no Conservatoire de Plomeur, con Patrick Molard e Jean-Luc Le Moign. Foi a versión de Aires de Pontevedra que aprendera de Portela, co seu sistema pechado, a que lle abriu as portas aos segredos dos mestres. Regresou a Galicia cun sistema de representación da ornamentación das pezas inspirado no escocés, pero adaptado ás características e á tradición da gaita galega. Volvía coa solución a unha das grandes preocupacións dos grandes mestres gaiteiros: un xeito de poder conservar e transmitir a riqueza do seu patrimonio sonoro.

E con ese sistema, un casete, un lápis e un pentagrama, por todo o mundo, durante dez anos, foi transcribindo o legado sonoro de Portela: Despedida dos santos nos xardíns de Viena; o Pasarrúas de Campañó, en Londres; a Xota de Montrove, en Australia; a Muiñeira de Farruco, percorrendo os estados nevados da América profunda; o Fandango da Vella, camiño de San Francisco. Facíao a través do que aprendeu directamente do gaiteiro, pero tamén de discos, gravacións de clases, concertos e mesmo algunha gravación que Portela fixo de si mesmo. Rexistros sonoros que foi repasando nota por nota, a revolucións normais, á metade, a un cuarto. «É aí, nesas profundidades da cámara lenta onde descubrimos todos eses segredos que sería moi difícil percibir a tempo real e onde nos marabillamos cun Portela extremadamente minucioso coa súa ornamentación».

Fragmento da transcrición de «Aires de Pontevedra»
Fragmento da transcrición de «Aires de Pontevedra»

Porque «para Ricardo, cada peza, cada canción, era unha verdadeira enxeñaría ornamental. A Muiñeira de Pontesampaio, na versión de Ricardo, pode ter preto de 500 notas. O 60 % son ornamentos, que nunca se escribían, todo iso era información oral. Eses adornos era o que lle daba o carácter, o estilo». Perder esa información era perder máis da metade da peza. E un anaco de historia. Porque parte deses ornamentos xa os facía Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo. Outros viñan de Perfecto Feijoo, de Xan de Campañó, de Manuel Villanueva de Poio. 

De gaiteiro a gaiteiro é un libro práctico, non de musicólogo. Un traballo de recompilación do testamento sonoro dun home que sacou a gaita da verbena e da taberna, que a consideraba á altura da música clásica. Que sabía que podía dar concertos de calidade. Son 41 partituras acompañadas dun profundo estudo introdutorio do referente internacional no que rematou por converterse aquel gaiteiro que con doce anos coñeceu ao derradeiro gaiteiro da vella estirpe. Unha publicación con prólogos de Álvaro Torrente e Rosario Álvarez e cuxa produción editorial correu a cargo de aCentralFolque, que permitirá «recoller, estudar e reivindicar o legado das xeracións anteriores para construíren novos camiños con toda a solidez e profundidade que lle proporciona a tradición», explica Carlos Núñez.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
32 votos
Comentarios

Unha encomenda «de gaiteiro a gaiteiro»