A voz única de Eva Veiga e Baldo Ramos

CULTURA

Baldo Ramos e Eva Veiga, na Fundación Seoane
Baldo Ramos e Eva Veiga, na Fundación Seoane EDUARDO PÉREZ

Publican o poemario «Quérote canto», no que non aparece a autoría de cada verso

22 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba lendo Soño e Vértice, o poemario polo que a súa admirada Eva Veiga recibira o premio Concello de Carral [ano 2015] e o da Crítica [2017]. Entón, conta Baldo Ramos (Celanova 1971), tivo a intuición de podían «escribir un libro xuntos». Eva aceptou e en agosto do 2018 entraron tres días no mosteiro de Oseira. Sen móbiles. Desconectados do exterior. «Para vivir o silencio», di Baldo, ese que cada noite anunciaba a campá dando as dez, xusto cando os monxes remataban os seus cantos.

O proxecto era «non planificar nada. Deixar as cousas fluír espontaneamente». «Fixemos vida cos monxes. Levantamos as cinco da mañá. Estivemos nos rezos, nas misas...», lembra. O resultado é o poemario Quérote canto (Galaxia) que estes días están presentando en espazos como a Fundación Seoane da Coruña. O título está tirado dunha das lecturas feitas polos monxes: «Muller sen redes, quérote canto...».

Conta Eva Veiga (Pontedeume, 1961) que «cada un escribiu o seu sen comunicarnos o que escribiamos». Salienta que o poemario «vai sen autoría. Descubrimos que cada verso podía ser escrito pola mesma persoa». Para o lector, «agás algúns que nos coñezan moito, é imposible saber si este verso é de Baldo ou meu», asegura a poeta.