Úrsula Heinze retrata en «Flashes» intres da súa vida

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A autora estivo acompañada do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García
A autora estivo acompañada do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García XOAN A. SOLER

A escritora presentou en Santiago o que considera o seu derradeiro libro

17 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Biografía e literatura conflúen en Flashes (Edicións Fervenza), o libro que onte presentou en Santiago Úrsula Heinze (Colonia, 1941) e que autora considera un compendio vital, unha sorte de retrato fragmentado en máis de duascentas pezas que tamén comparten o seu carácter breve. Heinze tamén considera que Flashes será o seu derradeiro libro, unha decisión que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participou na presentación, lle pediu que reconsiderase. Fíxoo con grandes doses de humor, que precisamente é outra das características fundamentais de Flashes: un humor tenro ás veces, outras veces irónico e mesmo crítico, pero sempre dotado de intelixencia.

Esa foi tamén a valoración do crítico Armando Requeixo, quen aproveitou a súa intervención no acto para subliñar «a ollada humanística» que Heinze deita nesta obra, ao igual que no resto da súa longa traxectoria, e como manexa con habelencia os recursos humorísticos para darlles «o punto xusto de acidez». Para Requeixo, outro dos puntos de interese do libro é a súa condición de achega á personalidade literaria e cidadá de Heinze, ademais de ser «o testemuño dun tempo e dunha época». O crítico, ademais, analizou na súa forma o texto, eses intres ou «luzadas de vida», que se moven entre o relato curto e a peza brevísima, con influencia mesmo dos haikus. Un talento para a prosa que, na súa opinión, é «do mellor de Úrsula», que consegue «virar o calcetín da vivencia» para extraer unha reflexión de alcance universal. E faino apoiándose na ironía, «unha das formas superiores da intelixencia», concluíu Requeixo.

 

Galega «de corazón»

Pola súa banda, Valentín García referiuse ao feito de que Úrsula Heinze é galega «de corazón, unha namorada de Galicia que é galega por opción». Para o secretario xeral de Política Lingüística, é de loar o compromiso de quen naceu en Alemaña pero fixo do galego a súa lingua literaria e contribuíu dun xeito decisivo á visibilidade da cultura de Galicia coas súas traducións de autores ao alemán. «É un axente internacionalizador das letras galegas», describiu García, quen tamén incidiu no talante cosmopolita de Heinze, tantas veces demostrado na súa xeira como presidenta do PEN Club de Galicia.

Ademais, García definiu á escritora como unha persoa valente, que soubo rachar cos tabús que rodean, por exemplo, as enfermidades mentais e os tratamentos psiquiátricos, que abordou dende a súa escrita a partir da experiencia propia. Por todo isto, Valentín García convidou a Heinze a que reconsidere a súa decisión de ver en Flashes o remate da súa traxectoria literaria.