Ezkaba: cando 198 galegos fuxiron do seu confinamento

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

17 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Porque confinamento, brutal confinamento, era, en 1938, ser hóspede dunha prisión franquista. Foi o 22 de maio de 1938 cando 795 prisioneiros republicanos do penal de San Cristóbal, situado no monte Ezkaba, a dez quilómetros de Pamplona, protagonizaron unha gran fuxida, en xeral sen éxito. Acaba de publicarse unha documentadísima monografía sobre este maiúsculo feito co título Ezkaba. Galegos na grande evasión (Pamplona, 22 de maio de 1938), editada por Toxosoutos. O seu autor, Francisco Xavier Redondo Abal, bibliotecario da Cátedra Valente na Universidade de Santiago, hai tempo que é unha autoridade en non poucos temas da Memoria Histórica de Galicia. Así nolo presenta, tamén, no seu prólogo, o profesor Claudio Rodríguez Fer, un dos grandes especialistas sobre a Memoria Galega (El é, desde a súa creación, o intelixente e activo director da eficaz cátedra, cada vez máis coñecida polas súas publicacións).

Pola douta investigación de Redondo Abal sabemos que, dos miles de reclusos, fuxiron, naquela data, 795, dos que só non foron capturados tres (quizais catro). Os dirixentes da «grande evasión» foron fusilados pouco despois. Entre os fugados, un número moi elevado estaba constituído por galegos (nomeadamente pontevedreses), número que cómpre ter moi en conta á hora de debuxar a presenza de Galicia contra a Sublevación do 36, non tan escasa como se pensa e se di. O autor do libro ofrécenos o listado exhaustivo, listado no que me atopo co nome (José Bóveda Formigo) dun veciño de Ventosela (Ribadavia) do que fun amigo e a quen visitei en Bos Aires, no ano 1969, emigrante serodio el. Como en Ventosela había varios Josés, no caso deste republicano un pouco ácrata cumpría distinguilo co alcume: José o Caralla Santa (Aínda os expertos en Onomástica non aclararon a motivación de tan rechamante alcume).

É de xustiza subliñar, neste libro, o capítulo Historias de vida, cárcere e morte, un capítulo dramático. Gustaríame que o autor, na segunda edición da súa conmovente monografía, lle dedicase un capítulo especial a dous presos (non fugados) que compuxeron versos moi interesantes nas celas daquel inferno: Jesús Golmar Rodríguez, mestre de Lalín, e Evaristo González Fernández («Evaristo de Sela»), quen, nas seis prisións que padeceu, dedicouse ao estudo profundo do grego clásico, labor que culminaría, en 1990 e 1992, coa tradución galega da Ilíada e da Odisea. Os dous «confinados» do penal de San Cristóbal protagonizan un capítulo valioso da literatura galega carceraria nos ominosos tempos de Franco.