Os camiños que abriu a Xeración Nós

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Cando chegou a Teixido, Otero Pedrayo escribiu: «Eiquí debería frolescer unha colonia de monxes sabios com’os do monte Atos. San Andrés é culto galego e mariño»
Cando chegou a Teixido, Otero Pedrayo escribiu: «Eiquí debería frolescer unha colonia de monxes sabios com’os do monte Atos. San Andrés é culto galego e mariño» Ramón Loureiro

Unha guía e un libro reviven as peregrinacións dos pioneiros a Compostela e Teixido

17 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non tiñan sistemas de navegación dixital no móbil, pero contaban con dúas guías importantes: o mapa de Fontán e un fino sentido da curiosidade. En 1926 e 1927 varios membros da Xeración Nós emprenderon peregrinacións a pé a Santiago e Santo André de Teixido, respectivamente, viaxes tan pioneiras coma as súas inquedanzas intelectuais que ao cabo acabarían por formar parte do seu legado. Un tempo no que abriron camiños, no sentido físico e mais no metafórico, porque se algo distinguiu a aqueles galeguistas era que entendían o seu traballo como unha tarefa intelectual e mais corporal.

A reflexión escríbea Luís González Tosar, responsable da edición de O camiño de Nós (Aira Editora), un volume que recolle as crónicas que publicaría en A Nosa Terra un dos peregrinos a Compostela, Xavier Pardo Bedia. O libro inclúe ademais un artigo contemporáneo de Antón Villar Ponte, xunto coas fotografías de Xulio Gil, as ilustracións de Isabell Seidel e un prólogo de Manuel Baltar. A cumprida introdución de Tosar sitúa a aqueles viaxeiros —Otero Pedrayo, Risco, Lois Feixoo, Antón Sánchez, Afonso Vázquez Monxardín, Florentino L. Cuevillas e o propio Xavier Pardo— no seu contexto e ofrece os cinco argumentos principais que motivaron a peregrinación: o fenómeno xacobeo —1926 foi ano santo— como alicerce da construción europea, a necesidade de que Galicia tomase conciencia da súa propia identidade, dotas as novas xeracións de ferramentas de aprendizaxe, unha comuñón telúrica co territorio e a procura dunha alternativa nacionalista para a súa ordenación. Os peregrinos ían provistos de cámaras con trípodes, pero, sobre todo, cos seus «lentes de velo e aprendelo todo». Co mapa de Fontán como guía material e espiritual, os de Nós percorreron dúas Galicias a un tempo, a real e a ideal.

Guía práctica e literaria

Se aquela peregrinación se pode revivir dende o sofá coa lectura de O camiño de Nós, a outra viaxe, a de 1927 a Teixido, é posible seguila etapa a etapa con O noso camiño (Ediciones El Cercano). Trátase dunha guía que xa acadou a segunda edición e, que, como tal, ofrece tanto información práctica como literaria e histórica para camiñar tralas pegadas da Xeración Nós. Con textos de Santiago Lamas e Moncho Conde-Corbal, esta nova versión presenta colaboracións de Darío Villanueva, Xaquín López e Felipe Senén, xunto cun limiar a cargo de Manuel Janeiro. O apartado cartográfico foi responsabilidade de José García Calvo e Antonio Vázquez; este último tamén se ocupou das fotografías, canda Conde-Corbal. Ademais, reprodúcense obras do artista Xosé Conde Corbal.

O noso camiño trae ao presente a viaxe que fixeron ao santuario atlántico Otero, Risco e Ben-Sho-Shey, unha andaina que o primeiro recollería nun libro, Pelerinaxes. Aquela experiencia inspirou en anos recentes unha película, co mesmo título, de Simone Saibane, e un ensaio, de Lamas e Alfonso Mato, De camiños, viaxeiros e camiñantes. O noso camiño escolma algunhas pasaxes do Pelerinaxes de Otero, de quen se ofrece un breve retrato literario, ao igual que dos seus compañeiros de viaxe.

A parte práctica da guía fornece ao peregrino moderno de mapas divididos por etapas, datos como a altitude dos enclaves polos que pasará, suxestións de aloxamento, códigos QR e máis información para completar o percorrido, xunto con páxinas en branco para anotar o seu propio diario. Así o fixeron o camiñante Modesto Álvarez Fernández e os ciclistas Carlos Gómez García e José Carlos Mandado, cuxas impresións anotadas forman parte da segunda edición desta guía a Teixido e á Xeración Nós.