Úrsula Heinze: «Este libro é o final definitivo da miña carreira. Non vou escribir nada máis»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora Úrsula Heinze
A escritora Úrsula Heinze ALEXIS REY

A autora despídese con «Flashes», unha sorte de autobiografía fragmentada

16 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao longo de catro décadas, Úrsula Heinze (Colonia, 1941) construíu unha singular carreira literaria na que tiveron cabida a novela, a poesía, as narracións xuvenís, o ensaio e a tradución. Unha traxectoria que a autora dá por concluída co seu novo libro, Flashes (Edicións Fervenza), que presentará este xoves en Santiago (Pazo de San Roque, 20.00 horas). Son arredor de duascentas pezas en formato breve que parten dun episodio verídico para compoñer unha sorte de autobiografía fragmentada que xustamente dende o persoal conecta co universal, convocando a complicidade ou empatía de quen a le.

-No comezo escribe: «Son vivencias verdadeiras, escritas coa liberdade literaria que nalgúns casos era precisa».

-Son de verdade, de verdade, non hai nada inventado. Primeiro, quería facer unhas minimemorias. Agora a xente non ten paciencia nin tempo de ler largas cousas, libros longos. Despois, a outra razón é que nunca quixen facer unha biografía, pero nestes flashes que vivín, que todo isto é auténtico, penso que así, todo comprimido, lese moito mellor. Por certo, tardei moito en coleccionar moitos deses relatos curtos porque non se escribe coma un libro, para o que te sentas, pensas como facelo, cunha estrutura. Isto non. Son momentos curtos que lles dou un pouco máis de arroupaxe.

-A brevidade das pezas axéitase ao ton e os temas...

-Si, porque fago o percorrido dende a miña infancia ata agora, todo comprimido, senón sería unha novela. Pero penso que sería máis interesante para un lector esas vivencias curtas e non un texto longo. E teño que dicir que son xa moi maior, e hai algunhas cousas que hoxe quizais xa non chaman a atención, pero hai sesenta anos, como esa historia onde unha nai coloca os seus dentes, hoxe iso é normal, que moita xente ten dentes postizos, pero naquela época, despois da guerra, ninguén os tiña.

-Abre o seu libro cunha cita moi acaída de Ernst Schnabel: «Sen ironía non hai historias».

-Si, penso que é así. Un pouco de ironía e un pouco de humor. Fai moita falta.

-O humor constitúe a columna vertebral de «Flashes». O humor como mecanismo de autodefensa, de complicidade cos lectores...

-A verdade, é que todo aconteceu como o escribo eu. Ás veces cambio o nome para non ferir á persoa que o le. Son textos curtos, se fosen máis longos non me atrevería, espiríame demasiado. Este libro é o final definitivo da miña carreira de escribir. Non vou escribir nada máis. Fixen tantas cousas, que son corenta anos de escribir, escribir en condicións moitas veces tristes, decepcionantes. Había libros nos que puxen moita ilusión e aquí nin sequera tomaron nota disto. Cansei de loitar e de facer e de traballar. Teño moitísimo material, máis de setenta libros, pero teño unha idade na que podo dicir «aí queda a obra da miña vida» e pechou un círculo e non vou facer máis nada. Ao mellor algo apunto, porque, claro, non podo deixar de facelo; fíxeno case toda a miña vida e teño en todos os petos un lapis e un cacho de papel e sigo apuntando cousas, pero non coa idea de facer diso algún día un libro.

-Nun dos relatos unha descoñecida xa lle dicía que tiña «aire de escritora», así que igual é algo que non se deixa facilmente...

-[Ri] Si, si! Xa, claro, iso é o que fixen case toda a miña vida. Se apunto cousas que vivo, que me pasan, pero non vou facer outro libro. É moi complicado, hoxe máis ca nunca. As editoras van mal, a xente cada vez le menos. Agora teñen o móbil... Creo que algún día volveremos a ler, a interesarnos pola literatura, pero agora non. Esta época pasou, pero, como todas as cousas, isto tamén vai volver. É coma unha enfermidade, hai que superala e despois quizais a xente interesarase outra vez pola literatura.

«Ás veces a vida dá máis anécdotas que a literatura, pero hai que saber escoitar»

O ámbito familiar, os coñecidos, colegas literarios, a natureza... Heinze amosa en Flashes a súa capacidade de observación e percepción do especial no cotián. «Ás veces a vida dá máis anécdotas que a literatura, pero hai que saber escoitar», reflexiona.

Tamén as súas viaxes fornecen o libro con bos materiais, nos que destaca, entre moitos outros, o seu encontro cunha curandeira no Brasil. «Eu viaxei moitísimo. Entón algunhas incidencias das viaxes están no libro, e hai moitísimas máis. Cando viaxas sempre pasan cousas. Pero agora padezo unha depresión que non dou superado e non podo viaxar», di a autora, que xa abordou a doenza propia con valentía e sensibilidade literaria en libros como ...e os domingos, un croissant e Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás, publicados por Alvarellos.

«Fáltame tamén un mundo do que podo extraer vivencias interesantes e ampliar, enchelo outra vez con cousas descoñecidas. O meu mundo agora está limitado, é un mundo pequeno, porque estou na casa, aínda que teño tamén finca, pero a min interésanme as persoas, o seu ambiente, e aquí non podo sacar máis», describe. «O que me impresionou xa o teño metido nas novelas e na literatura infantil, que fixen obrigadamente, porque non son unha escritora para rapaces, pero daquela non había nada e había que facer algo. Agora non podo viaxar e ese mundo, de onde sempre saquei cousas, ese mundo pechouse. Por iso considero este libro unha clase de compendio, do que é parte do que vivín, o que me emocionou, esas cousas que quedan no teu corazón».