Rosalía foi «a parteira, se non a nai, da Galiza moderna» para Carvalho Calero

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Ricardo Carvalho Calero na toma de posesión, en 1972, da Cátedra de Lingua e Literatura Galega da USC
Ricardo Carvalho Calero na toma de posesión, en 1972, da Cátedra de Lingua e Literatura Galega da USC CEDIDA

Resaltou en La Voz de Galicia as súas innovacións nas literaturas galega e española

14 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Rosalía foi a fedatária da identidade nos tempos modernos» e «pode considerar-se como a parteira, se non a nai, da Galiza moderna, en tanto que a sua obra provocou a decisiva recuperazón da nosa consciéncia colectiva». Así o proclamaba Ricardo Carvalho Calero, a quen se dedica o Día das Letras Galegas de 2020 e estudoso de referencia de Rosalía de Castro, o 9 de novembro de 1985, nun artigo en La Voz de Galicia. Nunha vintena de traballos no xornal promoveu as súas principais ideas sobre a biografia e o valor da autora, falecida este mércores hai 135 anos. Resaltou que, polas súas innovacións, foi a figura principal das literaturas galega e española do século XIX.

En 1973 sinalaba que «o pobo galego mitificou a Rosalía, fíxoa símbolo da alma colectiva, rendeulle un culto espontáneo». Como a Castelao, que naceu ao ano seguinte da súa morte. En xaneiro de 1986 di que «Rosalía e Castelao constitúen unha diarquia no corazón dos galegos». E conclúe: «Que o povo teña escollido estas duas figuras como símbolos do espírito comunal, é un feito consolador para os pesimistas, pois revela que ­-se cadra, na subconsciencia- ese povo se sente representado por un pensamento, ou un sentimento, que afirma con enérgica continuidade a sua substantividade radical». Valora que ambos son emblemas do galeguismo do pobo galego.

Tres dos artigos que Carvalho Calero escribiu en La Voz de Galicia sobre Rosalía
Tres dos artigos que Carvalho Calero escribiu en La Voz de Galicia sobre Rosalía

Moitos destes traballos ocupan unha páxina, ou máis, e foron recollidos despois por Carvalho Calero en estudos en revistas especializadas e en libros. 

Literatura universal

«Rosalía é consciente da sua singularidade entre as mulleres que fan versos», afirma. Reclama para ela (16.10.1980) a designación de poeta, non poetisa, para evitar as «conotacións depreciativas» asociadas a este último termo.

Defende que a escritora consolidou o «movimento vacilante» do Rexurdimento pola súa produción galega, coa que «levanta acta da verdadeira realidade galega, e levanta-a utilizando o idioma de Galiza», afirma. Escribiu Cantares Gallegos «para dotar a Galiza de un espello en que se poda ver tal como é cando non se disfarza: formosa e digna». Esta obra «constitui o documento de identidade colectivo», que se completa con Follas Novas, que ve como «o noso pasaporte para comparecer perante a comunidade internacional da cultura». pois transcende o interese galego.

O 15 de marzo de 1985 destaca que «o seu legado á cultura hispánica, e, a través dela, á cultura universal» está constituído por eses dous libros galegos, alén de En las orillas del Sar e «a sua original novela El Caballero de la Botas Azules».

Dedicou traballos específicos a eses catro grandes títulos. O 1 de xaneiro de 1964, no seu primeiro gran traballo rosaliano en La Voz de Galicia, e o único en español, referencia Cantares gallegos, como «obra maestra»; unha «especie de epopeya popular» que ten como protagonista «al pueblo gallego, al concreto pueblo campesino contemporáneo de la autora, no personificado en un héroe individual». Compara Cantares con referentes da Literatura Universal como a Divina Comedia de Dante, os Cantos de Píndaro ou o Evangelio de San Marcos.

En 1980, centenario da edición príncipe de Follas Novas, dedicou a este libro tres artigos (24 de setembro, 9 de outubro e 31 de decembro). Xulga que é «a primeira e probabelmente a única obra da literatura galega moderna que se pode considerar incorporada á literatura universal» e «traducíbel a calquera outra língua». Follas Novas «transcende o próprio Renacimento asegurado por Cantares».

En Rosalía e Freud (15.1.1982) reivindica unha metodoloxía científica, afastada do biografismo, para estudar En las orillas del Sar. Reproba a análises sobre a sedución e o amor de críticos como Machado da Rosa ou Robert G. Havard, publicadas en revistas especializadas de universidades dos Estados Unidos: «Rosalía non pode ser interpretada como dominada na súa lírica pola paixón sexual» di; e resalta que a súa «talla poética», moi superior, «deixa cativas as ‘poetisas en cio' que tanto abundan na literatura universal».

 Superior ás novelas españolas

Centra o seu interesa en El Caballero de las botas azules no personaxe de El Duque de la Gloria, ao que dedica estudos o 2.8.1985 e o 13.2.1986. Neste relato, Rosalía «reflecte un humor que o fan mui superior ás novelas españolas da época». Defende o seu traballo literario, que «nos abocan á futura literatura do absurdo» e destaca «os propósitos da autora, que se move no terreno da funcionalidade pragmática e da eficacia literaria». 

Revelou no xornal exclusivas de conclusións da súa investigación e traballo académico

Carvalho revelou en La Voz de Galicia exclusivas, que eran conclusións de anos de investigación e traballo académico, e utilizou o xornal como espazo de loita para defender as súas teorías.

En Bibliografía rosaliana (9.10.1977), Datas e lugares na historia de Rosalia (18.6.1984), Rosalía bica a tumba do seu pai (9.6.1985), Da vida de Rosalía (15.8.1985), A meniña do Pazo de Arretén (12.1.1986) ou A cólera do avó (23.2.1986) estuda a biografía da autora. No primeiro destes artigos responde a Dionisio Gamallo Fierros sobre a proposta de que a negra sombra do célebre poema tivese relación co pai de Rosalía, e revela que este morreu en 1871, corrixindo así a data errada que se daba do óbito, mesmo na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea. Atribúe este erro a ter seguido unha información de Fermín Bouza Brey, quen «era o home indicado para escrever a biografia definitiva de Rosalía de Castro», e non a elaborou. Carvalho informa que o nome do pai de Rosalía era «José Martínez y Biojo, segundo ortografia unánime das partidas de defunzón da Parroquia e do Registro civil», a pesar de se utilizar máis Viojo, e resalta a súa importancia para Rosalía. Afirma que foi a tumba do pai a que bicou no cimeterio de Adina, segundo un episodio que refire Murguía e que entende non esclarece suficientemente.

No 12.12.1981 cuestiona se Rosalia foi feminista. Ao se ocupar dun libro de Teresa Barro defende unha pluralidade nesta ideoloxía. Tamén lle aplica (19.4.1985) o adxectivo de «binárica», por ver en Rosalía «poesía objetiva (Cantares Gallegos, en geral) e poesía subjectiva (en geral, as Follas e as Orillas); e fusión sentimental e profundidade intelectual; verso e prosa; castellano e galego», entre outras razóns. «Isto é consecuencia da sua radical humanidade» e da «riqueza e libertade do seu espirito», expón.

Acode á autora para amparar a súa proposta reintegracionista. Como en dous artigos sobre animais, o 21 e 26 de maio de 1985, onde responde ao profesor Constantino García para defender a unidade do galego e o portugués.

Estes traballos son exemplo de transferencia do coñecemento científico para a sociedade galega, salientando como Rosalía e a súa obra contribuíron para a proxección internacional do país, e da súa lingua e literatura.