Maruxa Seoane resoa con voz propia

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A mostra sobre Maruxa Seoane pode verse ata o 20 de setembro na Fundación Granell
A mostra sobre Maruxa Seoane pode verse ata o 20 de setembro na Fundación Granell XOAN A. SOLER

A mostra que recoñece o labor da compañeira vital de Luís Seoane recala en Santiago

10 jul 2020 . Actualizado a las 22:06 h.

María Elvira Fernández López. Así se identifica no remite dunha carta. No interior, un pequeno debuxo de Luís Seoane como agasallo para a amiga a quen vai dirixida a misiva, unhas verbas e a sinatura: Maruxa. Xa non quedan dúbidas, a remitente é Maruxa Seoane, a compañeira inseparable do artista, que foi chave na súa traxectoria e tamén na recuperación e agrupamento do seu legado trala súa morte en 1979. Agora é ela a protagonista. A exposición que busca renderlle homenaxe e tamén recoñecer e visibilizar a súa labor recala na Fundación Granell en Santiago ata o 20 de setembro. «Maruxa viuda tuvo mucha relación con Eugenio Granell, estamos en casa amiga», destacaba onte o comisario, o artista e profesor de arte Juan de la Colina.

Na mostra, Maruxa Seoane amósase de múltiples xeitos, desde os retratos inspirados nela de Seoane, ata múltiples fotografías, así somo unha pequena recreación de como era a súa vivenda na Coruña, correspondencia postal ou incluso resoa a súa voz cantando nos anos 40, como recolle o documental Maruxa, obra tamén de Juan de la Colina. «Se trata de rendir un homenaje a la mujer que no solamente acompañó al artista, sino que incluso se llegó a disolver en él», asegura o comisario, engadindo que é necesario recuperala «ya que es aplastante su importancia». Lembra que Luís e Maruxa «eran dos intelectuales que convivieron con toda la intelectualidad de la época», o cal se pode apreciar na mostra non só nas fotografías, senón tamén en outros elementos, como a tarxeta de Julio Cortázar da súa casa en París «donde se puede ver un grabado de Luís Seoane».

A exposición Maruxa Seoane: achegamento a María Elvira Fernández López está configurada cronoloxicamente. Parte da árbore xenealóxica -Luís e Maruxa eran curmáns- e remata cos poemas dedicados a Maruxa por Xavier Seoane cando faleceu. Dos primeiros anos aparecen algúns debuxos inspirados nela de Luís Seoane, como os incluídos na revista Resol, que se distribuía gratis polas tabernas e rúas de Santiago no ano 32, así como unha lista dos regalos da voda ou a carta que lle envía o seu irmán días antes de que o fusilaran pola súa militancia política. Nese momento, Maruxa xa estaba en Bos Aires, onde se exiliara Luís tras o estalido da Guerra Civil. Precisamente, na casa do matrimonio en Bos Aires, entre os anos 1954 e 1959, facíase a revista Galicia emigrante. «Además de editora y poner en valor la obra de Luís, Maruxa también publicaba», recorda o comisario.

Un dos espazos que sobresae na mostra é o que recrea a vivenda de Maruxa, con gravados, debuxos e fotografías dos que se rodeou. Algúns deles son de Luís Seoane -como unha crucifixión do ano 1974, «que demuestra el alto compromiso político de ambos»-, pero tamén hai dous retratos de Laxeiro ou obras de Díaz Pardo, entre outros. A exposición, que poderá visitarse de martes a sábado no primeiro andar da Fundación Granell, tamén conta cun apartado interactivo no que se pon en relación a figura de Maruxa Seoane coa de outras 41 mulleres que dalgún xeito estiveron ligadas a ela, «aunque que algunas no eran amigas».

O proxecto para reivindicar o papel de Maruxa Seoane, ademais da exposición e o documental, complétase cun libro publicado recentemente en edición bilingüe galego-inglés. Juan de la Colina explicou que quere estender internacionalmente a figura desta muller que, como outras, pasaron desapercibidas.