Román Rodríguez: «Preparabamos o mellor Xacobeo da historia, e agora é o máis necesario»

O conselleiro lembra que a Xunta impulsa dous mil espectáculos para reactivar a industria cultural

O conselleiro Román Rodríguez coas estatuas dos peregrinos que presiden o Monte do Gozo
O conselleiro Román Rodríguez coas estatuas dos peregrinos que presiden o Monte do Gozo

SANTIAGO / lA vOZ

Román Rodríguez (Lalín, 1968) mantén que, máis alá da dor das familias e do reto social e sanitario, os sectores cultural e turístico sofren coma ningún outro o impacto da pandemia do coronavirus. A crise obrigou a darlle unha volta a todo o seu departamento autonómico.

-Faga unha breve radiografía da nova situación.

-A situación precisa poñer todo a cero, refacendo e reorientando dinámicas e obxectivos, pero partindo dun traballo feito. É o caso do Xacobeo ou a promoción da industria cultural e turística. Non queda outra que adaptarnos e ter esperanzas de facer as cousas dun xeito diferente.

-Xa non será o mellor Xacobeo da historia, como dicían.

-Preparabamos o mellor Xacobeo da historia, e agora é o máis necesario. Será singular, obviamente, pero vai xerar dinámicas de reconstrución económica dunha parte significativa de Galicia -a estimación no PIB en condicións normais era do 0,9 %- e tamén suporá unha reactivación emocional. Será un punto de inflexión, o primeiro chanzo dunha década na que mantemos boas expectativas.

-O 2020 xa está condicionado e o 2021 ten o impulso do ano santo. Como será o 2022?

-O 2022 tamén será importante, e máis se a Porta Santa segue aberta uns meses máis. Será fundamental manter o nivel, pero seguiremos dependendo de ter controlada a situación sanitaria. De feito, os beneficios polos patrocinios chegarán ata outubro dese ano.

-Perdeu interese o evento para as firmas privadas?

-Non. A situación vivida en todo o mundo reforza os valores humanísticos do Camiño de Santiago. O esforzo, a solidariedade, a natureza como punto de encontro, todo iso fai que a empresa privada participe. Temos xa 20 millóns de euros de fondos privados garantidos.

-Que será dos grandes festivais que tanto éxito e réditos daban?

-O noso xeito de ver o mundo agora é distinto a hai seis meses, e en seis meses tamén será diferente. Os festivais dinamizan a economía da industria cultural e xeran retorno económico, e eu o que agardo é que en medio ano non haxa dúbidas sobre estas actividades, pero dependerá de aspectos sanitarios. Hoxe é obvio que todo o que se asocia con concentracións de xente é irrealizable, pola normativa e pola mentalidade da xente.

-Esta semana aconteceu algo inédito, reabriuse o Camiño.

-É certo, legalmente nunca pechou, nin nas guerras. Teño a ilusión dunha reactivación gradual. O pasado mércores reabrimos a Oficina do Peregrino en Santiago e chegaron 67 persoas. O primeiro foi un chino, é algo moi simbólico.

-Galicia consolidou nos últimos anos os cinco millóns de turistas. Cantos virán este ano?

-Quero ser prudente, hai moita volatilidade e haberá moita decisión de última hora, aínda que xa estamos consolidando oito reservas hoteleiras por cada cancelación. Pero sería un erro espertar falsas expectativas.

-Van tirar cara adiante co bono turístico dos sanitarios, que semellan incómodos coa iniciativa.

-É importante explicar os proxectos, e tivemos un erro de partida, que foi que a xente o interpretou como unha medida sanitaria ou compensatoria cando é unha medida turística orientada a incentivar a demanda interna, como fan outras comunidades ou o propio Estado coas ofertas de Paradores.

«Somos un destino atractivo nun país competitivo como é España»

As manifestacións culturais, os novos xeitos de celebrar as tradicións e o patrimonio terán moito que dicir na reacción turística dos vindeiros meses.

-Hai confianza na marca Galicia?

-Somos un destino atractivo dentro dun país tan competitivo como é España. Estamos apostando polo turismo de autor, isto é, dámoslle a cada visitante o que quere, ben sexa o entroido ou unha paisaxe. Por certo, o ano que vén por estas datas a Ribeira Sacra será seguramente patrimonio da humanidade. Será un cambio para o interior de Galicia.

-Que pasará este ano?

-Temos moita prudencia, pero tamén esperanza de que o verán permita ás familias que viven do turismo seguir tirando. Son 125.000 traballadores nun contexto no que medramos máis que o resto das comunidades cun modelo propio, iso é moi importante.

-Cal será o perfil dos turistas?

-En turismo é fundamental a promoción e a planificación, por iso orientamos Galicia ao turismo de proximidade que chegará co vehículo propio, un modelo familiar que sempre funcionou ben, sen esquecer que temos 300.000 segundas residencias.

-O 5 % dos hoteis seguen pechados. Perderon o ano?

-Teremos unha visión máis clara despois do 15 de xullo.

«Se hai responsabilidade social a capacidade dos teatros medrará»

As novas medidas de seguridade obrigan a recuperar o debate da cultura e a súa rendibilidade.

-Cal é o futuro dos pequenos formatos culturais?

-O sector empresarial da cultura recibiu un dos impactos máis potentes, por iso fixemos un plan de reactivación que busca novos formatos para incentivar a demanda, fomentar o consumo e levar liquidez ás empresas culturais, coa prioridade do emprego. Dese plan hai un 70 % das iniciativas en marcha, e xa deseñamos unha programación con dous mil espectáculos.

-Comprende as queixas polo agravio da capacidade dos teatros e espazos de concertos?

-Hai que buscar un equilibrio entre a necesidades culturais e as sanitarias. As capacidades son fundamentais, o público é a esencia, pero se hai responsabilidade social por parte das empresas e das persoas medrarán progresivamente.

-Haberá recortes nos fondos públicos?

-A cultura ten posibilidades de adaptación. A dinámica dun país non ten que ver cos orzamentos públicos, senón coa creatividade e a nosa capacidade para apoiar a eses creativos. Nunha situación crítica eses cartos públicos son importantes, pero eu penso que non é tanto o que se ten coma o que se fai co que se ten.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
5 votos
Comentarios

Román Rodríguez: «Preparabamos o mellor Xacobeo da historia, e agora é o máis necesario»