A axencia Magnum xa conta coa galega Lúa Ribeira como asociada

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A fotógrafa galega afincada no Reino Unido Lúa Ribeira
A fotógrafa galega afincada no Reino Unido Lúa Ribeira sam | Magnum

A fotógrafa ten un prazo de dous anos para ingresar definitivamente

02 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En xuño do 2018, a axencia Magnum anunciaba o ingreso da fotógrafa Lúa Ribeira (As Pontes, 1986) como «nominee» da prestixiosa cooperativa fundada en 1947 por Capa, Cartier-Bresson e David Seymour, entre outros. «Agora toca traballar moi duro e producir traballo novo e demostrar que merezo estar aí como membro asociado», dicía Ribeira hai dous anos. Un tempo no que acadou os seus obxectivos a ollos da axencia, que na súa última reunión anual vén de outorgarlle á fotógrafa esa condición de asociada. Trátase, xa que logo, do segundo chanzo na pertenza a Magnum, que será definitiva se dentro doutros dous anos o exame das imaxes da fotógrafa é positivo. Unha vez aprobada, a vinculación coa axencia é xa de por vida.

«O traballo de Lúa Ribeira caracterízase pola súa natureza colaborativa, investigación exhaustiva e unha perspectiva inmersiva con respecto ao tema que aborda», describe a axencia no perfil que dedica na súa web á fotógrafa galega. «Interésalle o emprego do medio fotográfico como un xeito de navegar o entorno no que vive, así como unha ferramenta de expresión propia», engade.

Magnum tamén ofrece unha selección de imaxes da obra de Ribeira, na que exercen un papel central cuestións como as convencións e normas sociais, así como as construcións do que unha sociedade considera permisible nos seus límites. Afincada en Bristol, esa escolma de fotografías viaxa ida por volta de Galicia ao Reino Unido, que pode ofrecer visións das mulleres da escena dancehall de orixes xamaicanas, o día a día dunha congregación relixiosa ou retratos de bañistas nun parque acuático galego. 

Proximidade e prexuízos

Ribeira, que vive no Reino Unido dende que cursou un grao en fotografía documental en Gales, tamén ofrece na web de Magnum algunhas claves de como entende a fotografía e como leva esas ideas á práctica coa cámara. Ideas como a proximidade aos suxeitos das imaxes, así como a necesidade de examinar os prexuízos propios, que, na súa opinión, deben de ser confrontados canto máis de preto se sitúa co seu obxectivo.

Igual que a fotógrafa mexicana Graciela Iturbide, co gallo da súa exposición hai uns anos en Galicia explicaba que todo retrato ofrece un autorretrato indirecto de quen mira polo visor, tamén Lúa Ribeira dalgún xeito se introduce nas imaxes. «É unha perspectiva totalmente subxectiva, definida polo meu contexto, a miña experiencia e demais. Non quero agochalo. De feito, o meu propósito é proxectalo o suficiente para ver se aí podo atopar algo da verdade», explica.

A web de Magnum tamén permite mergullarse a fondo noutro dos proxectos de Ribeira, The Visions, unha achega ás particularidades da Semana Santa na localidade cordobesa de Puente Genil, parte do interese da fotógrafa pola relixión. A súa cámara capta figuras tradicionais como os Jetones ou a representación da cabeza decapitada de San Xoán.