Chuvia

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

30 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Falando cunha boa amiga un destes días post-confinamento no que tanto tempo de conversas hai para compartir, comentaba que cando moza estivera un ano dando clases en Cornualles e dicía que nunca tanto vira chover na súa vida como alí. Ela é de Balboa, no Bierzo occidental, e obviamente a comparativa pluviométrica parécenos que xoga, en litros recollidos, máis a favor do territorio cornuallés que das nosas latitudes galegas pero o caso é ás veces estamos algo confundidos con este tipo de datos. Quedei co comentario e co posterior debate, e púxenme a matinar no asunto.

Nas illas británicas chove abondo, e así está constatado, pero non é en Cornualles onde máis, senón que son Cardiff en Gales, Glasgow en Escocia e Preston no noroeste de Inglaterra as tres cidades onde máis días de auga se rexistran, sendo Plymouth a cidade cornuallesa máis chuviosa en quinto lugar. En Europa, onde máis chove, segundo as medicións, é na costa occidental norueguesa e en concreto na cidade de Bergen, tamén nas Highlands escocesas, na zona dos Balcáns e nos Alpes. Xa dentro da Península Ibérica, en Galicia, no norte de Portugal, nalgún punto de Euskadi e na inesperada Sierra de Grazalema en Cádiz. Pese a todo Galicia é un dos lugares con maiores índices pluviométricos do mundo.

Aquí, nas cidades onde máis auga cae son Vigo e Santiago de Compostela, mais iso non quere dicir que sexan os lugares de máis choiva xa que hai zonas rurais como as serras do Candán e a do Suído, onde os niveis de precipitacións poden chegar a ser maiores. Nesta altura venme ao recordo os mapas do tempo das diferentes televisións onde na maior parte deles aparece Galicia coa nube fixa, ou como naqueles antigos sinalizados cun paraugas permanente. Aínda que moitas veces erraban, o feito de que aquí chove non é un tópico e mostra disto son tamén as preto de cen palabras que o noso idioma posúe para designar a choiva. É unha realidade palpable que ademais se converte en poesía e música con moita frecuencia. Grazas a iso, tamén temos un país verde e frondoso do que podemos presumir.