Luar na Lubre publica «Vieiras e vieiros» e regresa este venres aos escenarios

O grupo difunde «Dum Pater Familias», un novo tema do seu último álbum

Luar na Lubre
Luar na Lubre

redacción / la voz

Despois de anticipar un par de temas de Vieiras e vieiros, Luar na Lubre publica este venres este novo álbum que se inspira nas historias dos peregrinos. Editado por Warner Music e producido por Mirmidón, o disco estará dispoñible en todas as plataformas dixitais e nas tendas físicas. O lanzamento coincide tamén coa reaparición do grupo nos escenarios, tamén este venres, na Estrada, co gallo da festa de San Paio, así como o lanzamento dun novo sinxelo, Dum Pater Familias. Trátase dunha revisión do canto máis antigo dos peregrinos que se recolle no Códice Calixtino.

En Vieiras e vieiros Luar na Lubre inspírase nas historias dos peregrinos que se dirixiron e dirixen a Santiago, para captar a atmosfera da ruta xacobea. Son 27 temas que intercalan tanto creacións propias do grupo como as sonoridades propias dos camiños que conflúen en Compostela, cos seus valores paisaxísticos, culturais e tamén humanos. En palabras de Bieito Romero, o disco «é unha débeda que tiñamos pendente coa música, co público e, moi especialmente, con quen percorreu o Camiño de Santiago acompañado polas creacións de Luar Na Lubre».

O disco recolle distintos elementos de historias individuais e outras colectivas que deron lugar a mitos e lendas, poñendo o acento na compoñente máis humana do fenómeno xacobeo. «As historias do Camiño e o seu factor humano son elementos dun patrimonio que debemos amosar e poñer en valor. Con este disco queremos reflexar e dar a entender, desde unha nova perspectiva, o valor do noso patrimonio inmaterial», sinala Romero.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
3 votos
Comentarios

Luar na Lubre publica «Vieiras e vieiros» e regresa este venres aos escenarios