O sector editorial e literario galego está citado no Festival Virtual do Libro

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Gravación dunha das sesións que forman parte da programación do FLIV
Gravación dunha das sesións que forman parte da programación do FLIV anna r. figueiredo

A iniciativa desenvolverase dende este venres e ata o vindeiro domingo

24 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como moitas outras actividades, a literatura e a edición en Galicia víronse afectadas de cheo polo estado de alarma. Como resposta a esa situación insólita e incentivo no contexto actual de desescalada, xorde o Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV), que se celebrará na Rede entre o venres 26 e o domingo 28. Trátase dun escaparate e un punto de encontro que reunirá ao sector no seu sentido máis amplo, con presentacións, debates, conferencias e mesmo exposicións, que abranguerán todos os xéneros da novela e o teatro á banda deseñada e o ensaio.

A diferenza doutros certames virtuais, o FLIV si manterá a súa permanencia unha vez rematen as sesións, xa que a gran maioría dos contidos estarán dispoñibles máis adiante na web, segundo a escritora Anna R. Figueiredo, unha das organizadoras do festival xunto coa empresa Datalib e a web Fervenzas Literarias. A iniciativa conta co apoio da Xunta.

Entre outros contidos, o FLIV habilitará dúas exposicións: unha de novos formatos de poesía, comisariada por Celia Parra, e que será a única actividade que unha vez rematado o encontro desaparecerá; e outra dedicada a Carvalho Calero, con presentacións en vídeo de libros arredor da súa figura. Ademais, ofreceranse tres cursos: maquetación de software libre (a cargo de Urco) e de escritura creativa e recitado, impartidos por Antonio Manuel Fraga e Rosalía Fernández Rial, respectivamente. Outra sección do FLIV, con vídeos en pequeno formato, servirá de escaparate das novidades das editoras.

O festival arrancará o venres 26 ás 10.45 horas, co pregón telemático de Anna R. Figueiredo e Nacho Alonso, aos que seguirán unha mesa redonda sobre animación á lectura. Nesta xornada haberá recitais poéticos -un específico para público xuvenil-, unha mesa redonda sobre a novela negra en Galicia e diversas presentacións e encontros con autores. O sábado a xornada comezará con lecturas dramatizadas e celebraranse conferencias sobre Carvalho Calero e a Xeración Nós. Recitais, mesas redondas e encontros completan o programa, que o domingo abordará a tradución en Galicia, ademais de contar con máis recitais, presentacións e outras actividades.

Entre autores, editoras, críticos e librarías, no FLIV participarán Gonzalo Hermo, Antía Yáñez, Manuel Portas, Armando Requeixo, Aurora Marco, Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros, Fran Alonso, Baldo Ramos, Tamara Andrés, Inma López Silva, Domingo Villar, Arantza Portabales, Diego Ameixeiras, Berta Dávila, Camilo Franco, Francisco Castro, Pedro Feijoo, Carmen Blanco e Paula Carballeira, entre outros.