A web Primavera das Letras da RAG sube un 180 % as visitas

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

.

Ese espazo permitiu que os nenos coñecesen a Carvalho Calero

20 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estas Letras Galegas están sendo moi diferentes ás de outro anos. A aparición do covid-19 e as súas medidas obrigou a canalizar as actividades dunha forma alternativa. Nese sentido cabe subliñar a importancia acadada polo proxecto web Primavera das Letras, que permitiu celebrar a milleiros de nenos dende a casa as Letras Galegas de Ricardo Carvalho Calero.

A web da Real Academia Galega, concibida para achegar o alumnado de infantil e primaria á figura e á obra do persoeiro que a institución homenaxea cada 17 de maio, experimentou un incremento con respecto ao ano anterior por riba do 180 % no número de consultas de contidos durante maio, achegándose ás 300.000 páxinas vistas. En pleno confinamento, duplicouse ademais o acceso a través dos teléfonos móbiles, que representou un 30 % do total.

As visitas a Primavera das Letras disparáronse a partir da última semana do mes de abril e só no mes de maio o portal rexistrou máis consultas ca en todo o ano 2019. Produciuse ademais un aumento significativo do número de persoas usuarias que acceden directamente á web, por riba do 35 % con respecto ao ano anterior, un dato que reflicte a crecente popularidade deste espazo que fornece os pequenos e pequenas da casa de recursos lúdicos e didácticos arredor do universo vital e literario dos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas.

Os recursos máis empregados foron as fichas descargables sobre a vida do autor, Letras para contar un país; sobre a súa obra, De Vieiros a Scórpio; e a dedicada ao seu labor como autor da Historia da literatura galega contemporánea, O buscador de libros. A actividade interactiva máis repetida foi a que xira arredor do relato As pitas baixo a chuvia, seguida das dedicadas a Ferrol, cidade natal do autor; aos poemas e os idiomas e a dúas grandes afeccións de Carvalho Calero, o teatro e mais a ópera. Entre os materiais máis demandados tamén aparecen as fichas para colorear.

A pandemia obrigou a pospoñer as celebracións presenciais do Día das Letras Galegas pero o 17 de maio estivo moi presente na Rede a través de múltiples iniciativas, tamén chegadas dende o ámbito educativo. A RAG agarda retomar no último cuadrimestre do ano os actos adiados e anima a comunidade escolar a darlle continuidade ao Ano Carvalho Calero a partir de setembro. Nesta liña, o prazo para participar no concurso Contádenos o voso Día das Letras.