O OUFF estreará a nova versión da película «A metade da vida»

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

A obra de Raúl Veiga chegará remasterizada e reducida

18 jun 2020 . Actualizado a las 14:35 h.

Logo de anunciar a estrea mundial de Olvido e León, de Xavier Bermúdez, o OUFF suma un novo primeiro pase: a versión remasterizada de A metade de vida, a película de Raúl Veiga que se converteu nun fito do audiovisual de Galicia: foi o único filme galego da década, rodouse en 1994, e todo o equipo -dos técnicos ao elenco- era galego.

A película de Raúl Veiga estaba inspirada, en parte, nun conto de Xosé Luís Méndez Ferrín e o director tamén exerceu como guionista. A metade da vida narra a historia dun triángulo amoroso nunha cidade galega dos anos 80. Os protagonistas son un músico de jazz -chamado H. Eire-, o seu amigo Pedro e a moza deste e amante do músico, Amalia. Na vida de Eire aparecen ademais un tío e a súa sobriña: o primeiro ancorado no seu interese pola literatura e a segunda en converterse nunha moza interesante.

«Máis amable co público»

A versión que chegará ao Festival Internacional de Cine de Ourense, que se celebrará do 25 de setembro ao 3 de outubro, é unha peza restaurada e reeditada, con mudanzas na montaxe respecto da versión orixinal pensando «no beneficio do espectador, agora é unha experiencia máis agradable froito dos anos de experiencia que fun acumulando. A esencia do filme é a mesma, non se desnaturalizou en absoluto, mellorou», segundo sinala Raúl Veiga. A imaxe foi restaurada totalmente e o son «é moito máis amable co público». Para o realizador galego o que se poderá ver no OUFF «trátase dunha versión ‘redux’ pero que, ao contrario do que sucede con Coppola e a súa versión de Apocalypse Now, acurta a duración da película facéndoa máis condensada pero mantendo o espírito da orixinal. O carácter do filme presérvase pero a comunicación mellora».

De María Bouzas a Chao

Dende o OUFF sinalan que a reestrea da remasterizada A metade da vida tamén «quere servir de homenaxe a toda unha xeración de actores galegos que comezaban a súa carreira tales como María Bouzas -que recibiu no último OUFF o Premio a toda unha traxectoria da Fundación AISGE-, Evaristo Calvo e Alfonso Agra, que dan vida ao trío protagonista, xunto con Mela Casal, Isabel Vallejo e, especialmente, co actor ribadaviense Ernesto Chao».

Para o crítico e coordinador artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández, a exhibición «desta película, que considero heroica polo tempo no que se produciu e as condicións daquela, correspóndese coa idea de consolidar o festival como a casa propia do audiovisual galego».