María Xesús Blanco: «Escribir para nenos non é simple, hai que mergullarse no seu xeito de mirar»

Acaba de editar «O caderno de Rosalía», un libro influido por «Pippi Mediaslongas»


redacción / la voz

Xa tiña publicados algúns contos en libros compartidos e relatos no blog Café Barbantia e no suplemento A Voz de Barbantia. Pero con O caderno de Rosalía (Galaxia) prodúcese o debut en solitario de María Xesús Blanco, pensado para os mais pequenos. Ilustrado por Kristina Sabaite, expón a historia dunha nena que en principio parece do mais normal, pero que en canto transcorre o relato vese que é mais ben una rapaza extraordinaria.

-Na cuberta, indícase que se trata dun libro «a partir dos dez anos». Por que esa aposta pola literatura infantil?

-Pois porque gozo lendo, imaxinando e escribindo historias que chegan aos pequenos da casa. E gusto moito da literatura infantil e xuvenil escrita na nosa lingua onde temos a autores e autoras e tamén ilustradores e ilustradoras extraordinarios.

-Fálase de «Pippi Mediaslongas» como referencia. Ten relación?

-A protagonista de O caderno de Rosalía si ten que ver con personaxes como Pippi Mediaslongas. Son unha gran admiradora da escritora Astrid Lindgren, a creadora desta personaxe literaria. E ten que ver no senso de que Rosalía é tamén unha nena dinámica e entusiasta, cun gran sentido do humor, que se emociona intensamente coas cousas que lle acontecen no día a día tentando enfrontarse tamén ao seu propio drama persoal. Tamén en outras personaxes literarias como Anna das Tellas Verdes.

-A protagonista chámase Rosalía, o cal fai inevitable que se pense na escritora, aínda que ultimamente tamén na cantante.

-Rosalía é unha nena do século XXI pero a razón do nome ven pola escritora e por unha razón persoal. Cando era nena unha moi querida tía miña, a tía Mercedes, coñecedora do meu gusto pola lectura, agasalloume cun libro fermosísimo con tapas de coiro e follas de seda coa obra completa de Rosalía de Castro. Asemade é un nome que transmite sonoridade e fortaleza.

-Ao escribir para lectores tan novos o vocabulario e a exposición ten que estar pensada para eles. Dificulta ou simplifica o traballo?

-Pois escribir para nenos non é simple, para nada. É necesario elixir con moito coidado a linguaxe e o vocabulario. Primeiro de todo mergullarse no seu xeito de mirar. Tentar imaxinar e escribir con esa ollada limpa e chea de emoción.

- Hai algunha mensaxe especial no libro?

-Tento transmitir diversión e entusiasmo. Tamén afán de superación a través dunha personaxe que a través da lectura e a escrita quere comprender o mundo que a rodea.

-Vostede traballa na ensino. Ten relación o libro co traballo?

-Seguramente o meu traballo como mestra teña a súa importancia na creación desta historia. Tamén ser nai.

-É quizais o libro que lle gustaría que os alumnos lesen na súa habitación?

-E claro que me gustaría que os nenos e nenas lesen esta historia e a gozasen tanto dela como eu o fixen escribíndoa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

María Xesús Blanco: «Escribir para nenos non é simple, hai que mergullarse no seu xeito de mirar»