Vida e escrita dun autor polifacético

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

XUNTA

Co gallo do Día das Letras, as editoriais miran cara o escritor Ricardo Carvalho Calero, sobre quen publican varias obras biográficas e do que rescatan novelas, textos e conversas

15 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaise notando á fin que o Día das Letras Galegas do 2020 festexa a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago, 1990). Hai xa semanas que as editoriais do país centraron a mirada no lembrado intelectual, de quen veñen de publicar varias biografías e monografías e rescatar novelas, conferencias, conversas, cartas e outros textos de moi diversa índole.

A isto súmanse iniciativas como o proxecto Unha palabra para don Ricardo, polo que a Real Academia Galega difunde cada día de maio unha minipeza audiovisual. Académicos e persoeiros relacionados co profesor trazan un retrato colectivo del nunha serie de gravacións -a maioría realizadas durante o confinamento- nas que «cada participante elixe unha palabra que destaca a calidade que, ao seu xuízo, mellor define ao homenaxeado ou que subliña un trazo persoal, unha faceta ou unha obra que valora especialmente». Os microespazos poden verse a través da web e das redes sociais da institución e serán difundidos pola TVG.

Tamén relevante foi o acordo da Fundación Otero Pedrayo e o Consello da Cultura que puxo en Internet a disposición dos lectores as 167 cartas que Carvalho intercambiou entre 1949 e 1974 con Otero Pedrayo, con quen conforma un tándem clave para entender a cultura e a historia de Galicia. «Nada galego lle foi alleo» a Carvalho, di María Pilar García Negro no ensaio que no 2010 lle dedicou, A ciencia ao servizo da nación. Os seus pioneiros traballos Historia da literatura galega contemporánea (1963), Gramática elemental del gallego común (1966) e Sobre lingua e literatura galega (1971) aínda conservan o seu fulgor.

Os que seguen son algúns dos títulos recentemente publicados:

BIOGRAFÍA

«O anxo da terra». O filólogo e catedrático de Lingua e Literatura Galegas Henrique Rabuñal (Arteixo, 1962) realizou unha completa biografía para Galaxia -Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra-, na que dalgunha maneira dá cumprida conta da débeda dunha xeración que, di, lle ten moito que agradecer ao profesor ferrolán en canto ao seu papel de divulgador e polo que representou na continuidade do galeguismo histórico. Rabuñal pon de manifesto, entre outros aspectos, a condición de poeta de Carvalho Calero, na que se tiña «por riba de todo» e na que ofreceu froito ao longo da súa vida, antes da Guerra Civil, na posguerra e no posfranquismo. «Poesía reflexiva, complexa, existencial, culta, con riqueza simbólica, centrada no amor, e na dialéctica entre o real e o ideal, o ser e o deber ser, o eu e os outros eu, o pasado e o presente», explica Rabuñal. Ao seu xuízo, sempre foi un home cun alto sentido de «servizo ao país» e vocación de busca de consensos, coa tolerancia como guía.

divulgación

«Vida e obra dun ser polifacético». En Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético, o profesor, ensaísta e escritor Henrique Dacosta (Ferrol, 1964) aposta, nun libriño dun cento de páxinas que edita Xerais, por trazar un achegamento didáctico, sinxelo e cunha nidia intención divulgativa á vida e a obra de Carvalho Calero, de quen destaca «o alto grao de honestidade» que guiou a súa traxectoria intelectual e docente. Nunha esquemática disposición de carácter cronolóxico, Dacosta -que ademais de seu paisano, gañou, por tres veces, o premio Carvalho Calero- elabora un percorrido documental e reflexivo que profunda tamén nos seus posicionamentos políticos e no seu compromiso co país, e que o presenta non só como creador senón tamén como un investigador e filólogo de grande rigor e esixencia e non menor capacidade de traballo.

Xuvenil

Sete pezas teatrais biográficas. O escritor compostelán Héctor Cajaraville (1974) preparou para a colección Merlín do selo Xerais o libro Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso, un título que, ademais dunha pequena semblanza biográfica, inclúe intercaladas sete pequenas pezas teatrais -obra do propio Cajaraville, e listas para a súa representación- que evocan momentos concretos da vida do intelectual galeguista que protagoniza o Día das Letras, como a morte da nai, a súa estancia no cárcere, o día da xubilación ou o derradeiro alento. Para rematar, Cajaraville, nun apéndice, dispón cronoloxicamente a produción de Carvalho Calero nos ámbitos da narrativa, a poesía, a dramaturxia e o ensaio.

ARQUIVO RAG

CONVERSAS

Entrevistas con Carmen Blanco. O selo Galaxia rescata o volume que recolle as conversas que Carvalho Calero mantivo nos anos 1983 e 1984 -case trinta horas de gravacións- coa escritora Carmen Blanco -antiga alumna do profesor ferrolán no colexio de Fingoi e na Facultade de Filoloxía-, e que ela xa publicara hai pouco máis de 30 anos, en 1989. Son una serie de entrevistas nas que Carvalho se estende relaxadamente sobre vida, obra e literatura, con interesantes aspectos -nesa busca, di a autora, de «reflectir a súa personalidade humana e intelectual»- como a súa preferencia por Otero Pedrayo fronte a Vicente Risco, e a súa devoción por Pedrayo, Castelao, Cunqueiro, Rosalía, Cabanillas e Pimentel, pero tamén polo traballo académico de Dámaso Alonso.

A PRIMEIRA NOVELA

Fito da posguerra. Primeira novela escrita en galego da posguerra (pola que Carvalho mereceu en 1950 o premio da Editorial dos Bibliófilos Gallegos), A xente da Barreira é o retrato da transformación social dunha Galicia na que a fidalguía rural -nunha zona fronteiriza, nas terras luguesas do avó de Carvalho Calero- entra en decadencia para dar paso a unha clase comerciante emerxente, en parte chegada de León. Galaxia rescata este título.

VOCABULARIO do autor

Abedecedario. O escritor Rafael Fernández Lorenzo (Cangas, 1962) preparou para o selo Morgante o Abecedario de Ricardo Carvalho Calero, traballo no que recolle o «vocabulario literario» do autor organizado en máis de medio cento de voces dispostas en orde alfabética, nunha achega á vida, saberes e obra narrativa, poética e ensaística do autor.

«O Carballo que fun en Ferrol», profeta na súa terra

 

 

Elixido Ferrolán do Ano en 1977 e nomeado Fillo Predilecto en 1990, Ricardo Carvalho Calero foi profeta na súa terra, onde o seu labor deixou fonda pegada. É verdade que o tan acariñado proxecto de converter a súa vivenda natal -na praza Vella, en pleno barrio mariñeiro de Ferrol Vello- nunha casa museo segue a ser unha quimera malia a inversión que fixo o Concello para adquirir o edificio. Hai tempo que dende a cidade se reivindica a súa figura, polo que a súa elección pola RAG é tamén unha vitoria dos veciños e, en particular, de xente como Xosé María Dobarro, Xosé Manuel Pazo, Bernardo Máiz e Vitor Santalha, implicados en plataformas que desde Ferrolterra levan anos reclamando a festa do Día das Letras para Carvalho Calero e que están detrás da publicación de Hei de entrar no meu povo. O libro recolle unha serie de materiais sobre o filólogo e as súas máis diversas facetas -especialmente, a política, a lingüística e a do estudoso da literatura- en relación con distintas actividades que se desenvolveron en Ferrol para poñer en valor o legado do profesor.

APROXIMACIÓN

«O Carballo que fun en Ferrol». O propio historiador Bernardo Máiz coordina para a revista Ferrol Análisis o número monográfico O Carballo que fun en Ferrol. Aproximación a Ricardo Carvalho Calero, que profunda na relación de Carvalho coa súa cidade natal e as tres etapas nas que residiu nela: 1910-1926, 1932-1936 e 1941-1950, que supoñen apenas 29 dos seus 80 anos de vida (e nos que aínda estaba por chegar o Carvalho que quixo ser). O volume abre cun evocador texto do seu sobriño Antonio Blanco Carballo.

García Negro enxalza o labor científico e de divulgación do profesor ferrolán

 

 

Herdeiro consciente e agradecido da Xeración Nós, Carvalho Calero deixou unha importante obra literaria -entre as que destaca a novela Scórpio, que rescatou no 2017 o selo Através das Letras, con motivo do 30.º aniversario da súa aparición en Sotelo Blanco)- pero tamén unha relevante achega de carácter científico e divulgativo. É neste ámbito onde incide María Pilar García Negro na escolma que preparou no 2010 para Laoivento, con motivo do centenario do nacemento do profesor ferrolán, A ciencia ao servizo da nación, que vén de reeditar e na que dá conta «do inmenso labor bibliográfico que a súa obra supón nas letras galegas do século XX». A antoloxía reúne textos escritos entre os anos 1930 e 1987 para publicacións como Nós, A Nosa Terra, Grial e La Voz de Galicia. Ademais dos artigos tamén recolle conferencias, discursos, pregóns, ensaios... cun «amplísimo abano temático» que revela a súa dedicación a Galicia, a súa erudición e a súa cultura literaria, filosófica e histórica. García Negro ultima tamén o traballo sobre Carvalho que publicará La Voz, que cada ano dedica un libro ao homenaxeado do Día das Letras e que distribúe co diario.

O teatro de «A farsa das zocas», un libro didáctico con xogos e un cómic

 

 

Ademais dun sitio en Internet encamiñado a dar información sobre Carvalho Calero (fotos, audios, publicacións, biografía, epistolarios, un roteiro, etcétera), que se suma ao espazo web que xa lle dedica a RAG, o Consello da Cultura Galega prepara -como cada ano fai co homenaxeado correspondente- a edición facsimilar comentada dun texto do profesor ferrolán, Farsa das zocas (1948), que leva un prólogo de Carlos Vizcaíno. A peza teatral -que aborda a vida rural galega da posguerra, a picaresca campesiña- está inspirada nun conto popular tomado de San Sadurniño e que lle chegou a través dunha alumna.

Hércules publicou o libro De Carballo Calero a Carvalho Calero, escrito por Charo Baleirón, Marta Domínguez e Belén Rodríguez, que está pensado para o uso escolar e que se enmarca na colección de unidades didácticas que cada ano a editorial dedica ao protagonista do Día das Letras.

O escritor e debuxante Xico Paradelo e o ilustrador Iván Suárez concluíron con éxito a campaña de crowdfunding para a edición da novela gráfica Carvalho, coraçom de terra (Através/Demo).