Xabier P. Docampo e Xosé Cobas prestan os seus ollos a un pintor cego

O ilustrador publica a historia na que traballaba co autor antes da súa morte, un dos seus moitos proxectos conxuntos


redacción / la voz

Son moitos os libros que saíron do traballo conxunto do ilustrador Xosé Cobas (Negreira, 1953) e o escritor Xabier P. Docampo (Rábade, 1946-A Coruña, 2018), e moitos tamén os que ficaron en diversos estados de concreción, dende unha idea bosquexada a unha historia case completa. A esta última categoría pertence O pintor cego (Kalandraka), que vén de aparecer a menos dun mes do segundo cabodano do escritor.

Trátase dun relato con todo o recendo dos contos máis clásicos, unha atmosfera que se complementa cunha estética nas ilustracións que se move entre o Renacemento e o mundo que evoca a lectura dos irmáns Grimm. É principalmente unha historia de amor, pero, cun pintor como protagonista, e o interese de Cobas e Docampo pola historia da arte, hai numerosas referencias, empezando pola homenaxe a Yves Klein coa elección do azul das gardas, ata a presenza, implícita ou máis en primeiro plano, a obras como A illa dos mortos de Böcklin, O pintor e a modelo de Vermeer, A primavera de Botticelli e o Napoleón de Ingres, entre outros.

Algunhas destas inclusións naceron dun xeito casual. Como a visita que ambos fixeron a unha exposición de Klein no Reina Sofía. «Xabier entusiasmouse tanto que ao pouco xa me estaba a falar dun posible proxecto baseado na obra deste artista», lembra Cobas. «Pero, como tantos outros nunca se chegou a facer. Por esta razón, quixen que, dalgún xeito, aquela experiencia quedase, polo menos, referenciada neste libro, que é o derradeiro en común», engade.

Docampo tiña moi avanzado o texto de O pintor cego cando faleceu. Porén, nunca daba por rematada a súa parte ata que o libro entraba no prelo, polo que seguía facendo cambios e axustes en consonancia coas ilustracións, nun proceso de diálogo que explica o moi ensambladas que estaban palabra e arte nas súas obras. En todo caso, malia faltar esa derradeira revisión, o texto de O pintor cego lese como historia rematada.

Como adoita suceder noutros libros asinados por ambos, a suma de palabras é imaxes dá como resultado un conxunto indisoluble que é maior que cada unha das partes por separado. Isto débese, en parte, a que existen diferentes niveis nos que afondar na historia: as ilustracións evocan cuestións que no texto quedan suxeridas, ao tempo que o debuxo formula xogos que tanto remiten á historia da arte -outros pintores aos que se remite son Goya, Feito e Magritte- como á propio relato en si: algúns elementos acadan o nivel de metáforas segundo avanza a narración. Por exemplo, a tea que cobre os ollos do artista na capa do libro fala non só da cegueira que lle virá imposta por anoxo e antollo do rei -encargáralle un retrato da raíña-, senón que ao estenderse ao longo do libro adquire outra significación: «Fala do desenvolvemento do libro do principio á fin», confirma Cobas. A gradación da cor, a direccionalidade da tea, a súa ausencia ou presencia, todo sumado propón unha relación coa obra na que se mesturan o intuitivo e a paixón pola arte. Ou, mellor dito, as artes, porque a música desempeña un papel importante en O pintor cego, así como a arquitectura, un elemento clave en moitos dos libros asinados por Cobas e Docampo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Xabier P. Docampo e Xosé Cobas prestan os seus ollos a un pintor cego