Antonio Machado no Congreso dos deputados

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

06 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei quen fixo unha cita machadiana por primeira vez no Parlamento español, pero deberían constar en acta -supoño que así é- as palabras proferidas pola deputada canaria Ana Oramas o día 20 do mes de maio. Na súa alocución, a señora Oramas, despois de mostrar a súa preocupación polos noxentos enfrontamentos entre grupos de ideas políticas distintas, lembrou uns versos moi coñecidos de don Antonio Machado: «Españolito que vienes / al mundo, te guarde Dios. / Una de las dos Españas / ha de helarte el corazón».

Ditos ou aludidos estes catro versos nesa sesión parlamentar, quizais moitos pensaron na España de dereitas e na España de esquerdas, tan enfrontadas no Congreso que, por parte dalgúns portavoces, recorren acotío á peor retórica do insulto e da aldraxe persoal. Cómpre ter moi en conta, para entendermos ben eses catro versos de don Antonio, que no poema figuran como a parte final dunha breve composición de oito versos que comeza con este enunciado: «Ya hay un español que quiere / vivir y a vivir empieza, / entre una España que muere / y otra España que bosteza».

De feito, don Antonio alude a dúas Españas de dereitas, tan de dereitas que carecen da enerxía construtora e soñadora das sociedades vivas: unha é a España sen latexo vital, que está a morrer, e a outra é a España somellenta que boquexa nos casinos e nas vellas institucións. En efecto, vir ao mundo nunha España que só ofrece estas dúas tristes opcións non é para entusiasmar a ninguén, pero don Antonio Machado sabe ou intúe que hai españois que queren sobrevivir a esas dúas Españas porque eses españois pertencen a unha terceira España, como proclama nun poema contemporáneo, El mañana efímero (1913): «Mas otra España nace, / la España del cincel y de la maza, / con esa eterna juventud que se hace / del pasado macizo de la raza. / Una España implacable y redentora, / España que alborea / con un hacha en la mano vengadora, / España de la rabia y de la idea».

Noutros poemas daqueles anos, don Antonio percibe a existencia desta incipiente España da rabia (o alporizamento moral) e da idea (os postulados liberadores de miserias sociais e espirituais), e non sei se a señora Oramas tiña en mente estes versos cando se referiu ao «Españolito que vienes»; tampouco sei se esta deputada identifica a algúns colegas seus, de distintas siglas, coa proposta ou desexo de don Antonio: unha terceira España.

En calquera caso, señora Oramas, graciñas pola cita literaria: o nome de don Antonio Machado dignifica calquera institución, nomeadamente o Parlamento, que é a casa da Palabra ou, polo menos, das palabras.