O ciclo en liña Galicia Emerxe incluirá concertos de cincuenta artistas e grupos

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Festivais como O Son do Camiño tiveron que cancelar ou adiar as súas edicións
Festivais como O Son do Camiño tiveron que cancelar ou adiar as súas edicións XOAN A. SOLER

Cun orzamento de 500.000 euros, contará con creadores da escena galega

04 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro das iniciativas que buscan reactivar o tecido cultural, afectado pola suspensión de actividades que impuxo o confinamento e o estado da alarma, a Xunta impulsará a produción dun ciclo de concertos en liña que contará coa participación de cincuenta artistas e grupos profesionais galegos. Trátase de Galicia Emerxe, un plan de música ao vivo que contará cun orzamento de 500.000 euros para inxectar liquidez e ingresos no sector.

A convocatoria para a selección dos participantes farase pública nesta primeira quincena de xuño. Un comité independente seleccionará aos artistas, que gravarán os concertos, de media hora de duración, no museo Gaiás ao longo do mes de setembro. Estas actuacións serán ao vivo e contarán con público, sempre respectando o número de espectadores e as medidas de seguridade que ditaminen no seu momento as autoridades sanitarias. 

Emisión

O programa conta coa participación da Radio e a Televisión de Galicia para emitir os diferentes episodios de Galicia Emerxe, que se adaptarán aos formatos radiofónicos, así como canles dixitais como YouTube. Tamén está previsto que se poida acceder a estes contidos en plataformas de música en streaming. A programación contará ademais cun amplo mostrario dos distintos estilos musicais que se dan en Galicia.

O sector da música urxe un gran pacto que faga fronte á crise derivada do covid-19

O Observatorio da Cultura Galega fixo público onte un documento de traballo titulado O sector da música popular en Galicia perante a crise do covid-19 no que se recollen as propostas do ámbito musical para facer fronte e superar os prexuízos económicos derivados desta situación. As principais medidas son as da necesidade urxente dun gran pacto, con conexións nacionais e internacionais, unha política cultural afastada da gratuidade, dotación de fondos para artistas, fixar protocolos de medidas preventivas que animen a poboación a volver asistir aos concertos, apostar pola cultura de base e cambios fiscais e laborais.

Unha das grandes esperanzas do sector é a celebración do Xacobeo. «Apúntase como unha oportunidade para canalizar axudas para empresas e artistas galegos, pero tamén como un acicate para o turismo e a cultura», recóllese no documento. O sector considera que hai que «protexer o patrimonio cultural propio, máis que pensar en grandes estrelas do panorama internacional». No diagnóstico da situación de crise destaca a baixada de ingresos nun 42 % que estiman as bandas de música populares. Tampouco os festivais saben de maneira oficial cales se van poder realizar.