Fotos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

03 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

miña tía avoa Remedios era unha moi boa muller. Fondamente relixiosa, madrugaba todos os días para ir á primeira misa da mañá. Boa parte do día empregábao nas súas pregarias e na súa devoción pero tamén por ela souben dos mouros e das fadas da mitoloxía galega, así como do Rei Arturo e do mago Merlín da literatura do ciclo bretón tan ben asentada na sabedoría tradicional. Unha mestura de informacións á galega que a convertían nunha marabillosa enciclopedia humana, nun dos últimos vestixios da auténtica tradición oral.

No seu xeito de entender o mundo non concibía o funcionamento do teléfono nin da radio e moito menos, que o home puidese ter chegado á lúa. Lembro que case sempre saía de costas nas fotos porque cría que estas, roubaban unha parte da alma da persoa. Pois a fotografía que ela rexeitaba foi unha das miñas grandes paixóns, gustei dela dende que se revelaban na casa de xeito artesanal e con moita paciencia. Tiven varias cámaras que me acompañaron no tempo e deixaron a súa marca tanto en papel coma en dixital. Sigo sendo moi afeccionado á fotografía antiga, sobre todo á de Galicia e teño case todo o editado polos grandes mestres: Ksado, Ramón Caamaño, Ernesto Zagala, Virxilio Vieitez, Xosé Suárez, Ruth M. Anderson etc.. Seguindo esas pautas centreime especialmente en recompilar fotos de músicos, sobre todo na vertente tradicional, e grazas a iso teño fotos marabillosas de persoeiros tan coñecidos como Avelino Cachafeiro e os gaiteiros de Soutelo de Montes, de D. Faustino Santalices coa súa zanfona, do boticario pontevedrés D. Perfecto Feijoo, gaiteiro, zanfoneiro e fundador do primeiro coro galego Aires da Terra; do crego e folclorista D. Saturnino Cuiña recuperador da impresionante tradición do «berro seco»...

Fotos que non son non miñas pero moitas delas non son precisamente as máis coñecidas grazas ao moito que levo escudriñado. Mais sobre todo as de persoeiros anónimos fixados nesas fotos cargadas de datos, historias e tremenda profundidade, en casos, moi reveladora. Desas fotos que un mira fixamente e recoñece esa alma da que falaba a miña tía Remedios.