Memoria de Jesús Pardo

CULTURA

El escritor, periodista y traductor Jesús Pardo, en el Cafe de Oriente de Madrid en el 2014
El escritor, periodista y traductor Jesús Pardo, en el Cafe de Oriente de Madrid en el 2014 BENITO ORDOÑEZ

02 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

xornalista e escritor Jesús Pardo de Santayana, nacido en Torrelavega (Cantabria) o 5 de maio de 1927, morreu en Madrid o pasado 23 de maio, aos 93 anos de idade. Políglota, erudito, sibarita e aventureiro, foi correspondente de xornais españois en Londres, Nova York, Xenebra e Copenhague, e traduciu libros a esgalla (de Strindberg, Ibsen, Ezra Pound, Dickens, Mark Twain, Richard Ford, Sören Kierkegaard e un longuísimo etcétera). Percorreu máis medio mundo como enviado especial de distintas publicacións cimeiras españolas.

Por qué o traio hoxe aquí? Porque el sempre falaba ben dos galegos, cos que se atopaba moi a gusto. Simpatizou moito con Álvaro Cunqueiro, ao que frecuentou en Madrid nos anos da Segunda Guerra Mundial. Foi moi amigo tamén de Camilo José Cela, co que seica compartiu lugares desaconsellados polo sexto mandamento. Sentiuse sempre en débeda con Alejandro Armesto, que o fichou para Efe cando era o director xeral desta empresa. Aquí se encontrou con outro galego moi singular e tamén moi internacional: Celso Collazo Lema, o primeiro correspondente español en Moscova.

«Sempre me atopei a gusto cos teus paisanos -díxome un día Jesús Pardo, cando compartíamos redacción en Efe-. Sodes listos e aprendedes axiña. Tedes xeito para o mando, non sodes fáciles de apear, e, para máis, tedes moi bo sentido do humor». Pero tamén era capaz de soltar críticas sen dó contra os que simplemente non lle gustaban. Neste sentido, poderíase falar dun Pardo elitista e altivo, unhas condicións que lle restaron admiradores, que o vían coma excesivamente altaneiro ou arrogante.

Autor dunha decena de novelas e doutros tantos ensaios históricos, ademais de media ducia de poemarios, a súa facilidade creativa era prodixiosa. Escribía con moita desenvoltura, apoiado sempre nunha memoria portentosa. Por desgraza, na fin dos seus anos abateuno unha depresión, da que seica saíu reconvertido ao catolicismo, tras corenta anos sen fe. No 2013 dooulle á Biblioteca Nacional de España os documentos do seu arquivo persoal, que enchían un gran faiado (que me amosou un día) na súa casa, preto do Palacio de Oriente (Madrid). DEP.