Emma Olsen escribe entre viñetas

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle de dúas paxinas da adaptación do libro
Detalle de dúas paxinas da adaptación do libro pablo prado

Pablo Prado adapta ao formato da novela gráfica o libro de Berta Dávila sobre unha escritora norteamericana que rememora os anos da súa adolescencia

28 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Emma Olsen é unha autora norteamericana que, no transo dunha enfermidade terminal, volve a vista atrás para escribir sobre os anos da súa adolescencia e segredos que permanecían agochados. O derradeiro libro de Emma Olsen valeulle a Berta Dávila (Santiago, 1987) o premio Repsol 2013 e agora segue un camiño aínda non demasiado transitado na literatura galega, malia casos recentes: a súa adaptación como novela gráfica. Pablo Prado (Ourense, 1987) achegouse á escritora coa proposta que agora forma parte do catálogo de Galaxia, onde tamén se publicara a novela de Dávila.

Prado chegou ao libro grazas a Kiko da Silva, que sabía do interese do ilustrador por dar cunha historia como traballo final na escola O Garaxe Hermético. «Atrapoume dende o primeiro instante», lembra o debuxante, que axiña ficou cativado por aspectos da obra, especialmente o xeito no que «a represión emocional da protagonista se vai destilando pouco a pouco no seu monólogo. Fascinoume como a protagonista ía contando sen ser quen de contar». Porén, había fortalezas no libro que tamén supoñan un desafío á hora de adaptalo a un formato de banda deseñada. Os silencios e a soidade, por exemplo. «Era fundamental topar espazo para o silencio. Pero ao mesmo tempo permitía buscar recursos puramente visuais para transmitir emocións», explica Prado.

Outros aspectos técnicos da adaptación foron a localización norteamericana da historia, que levou ao ilustrador a «patear» a cidade de Faith -escenario da historia- co Street View de Google Maps. Pero a propia linguaxe visual tamén foi empregada para adaptarse ao que precisaba a narración: «Á hora de dar cor ás páxinas, tentei crear un contraste entre os tons predominantes das escenas do pasado e as do presente da protagonista. Pretendín que o pasado fose moito máis luminoso, de cores máis saturadas, case artificiosas ou idealizadas, en contraposición cun presente frío, gris, moribundo e por momentos sosegado».

Ambientación

Malia esa ambientación norteamericana, Prado tamén botou man de recursos próximos. Algúns recursos narrativos, di, naceron de conversas íntimas con amigas nas que agromaba o que significa ser lesbiana nunha vila pequena. O entorno dunha vila pequena pode fornecerche dunha rede de apoio emocional forte pero, ao mesmo tempo, propiciar que te sintas xulgada se non "vas polo rego". Eu quixen que esa sensación opresiva estivese presente no cómic, creando unha sorte de "intimidade observada"», relata. Asemade, introduciu unhas microhistorias como chiscadela a un xogo literario nos pés de páxina do libro, dun suposto tradutor ao galego. «Na miña adaptación esta personaxe desaparece, pero aparecen uns pequenos desvíos da historia principal, que pretenden recuperar algo dese divagar mental da protagonista, e que me permiten rescatar algunhas das historias secundarias da veciñanza cando funcionan como metáforas do que a Emma pode estar a sentir nese momento do relato», di Prado.

«Outra destas metáforas visuais que tentei crear xorde dun pequeno comentario na novela sobre o poboado Lakota, nun comentario de Emma Olsen sobre o pasmoso e triste descoñecemento da historia dos pobos orixinarios nos Estados Unidos. A min gustoume esa idea dunha realidade presente pero silenciada, agochada, natural pero reprimida por unha sociedade impostada, racista ao igual que homófoba, para vinculalo puntual e visualmente de forma simbólica coa personaxe de Clarissa que vive a súa sexualidade con certa rebeldía contra o sistema que se lle tenta impor», explica o ilustrador sobre o seu traballo.

Lecturas superpostas

Berta Dávila seguiu o proceso sen interferir mais con curiosidade. «Entendín sempre que se trataba de permitir a outro creador entrar nun mundo que antes era soamente meu para que el o fixese tamén seu e construíse un outro libro», relata. A escritora cre que o bonito da adaptación é que se superpoñan as diferentes lecturas e deixar que agromasen novos significados, que, malia «o risco de non recoñecerse completamente neles, algo que non me preocupaba», permitía achegarse a Faith «con outros ollos». «Lembro que me resultou curioso que Pablo interpretase, nun punto da novela, que un dos personaxes renuncia a reparar a súa lavadora estragada intencionadamente como excusa para pedir axuda ao veciño. Eu escribírao como un xesto de resignación e de profunda apatía do mesmo personaxe, que se ve obrigado a pedir esa axuda por falta de vontade en reparar o aparello roto. Lembro que o comentei con Pablo como unha sorpresa que eu atopaba dentro dese universo, mais nunca coa intención de pedirlle que limitase a súa interpretación ao que eu "verdadeiramente quería dicir", porque a beleza de todo isto é precisamente que as lecturas se superpoñan, que acheguen volume ao libro», detalla a autora. «Como o traballo de Pablo é fantástico, o resultado é un agasallo para min», conclúe.