Tesouros literarios de García-Sabell

CULTURA

22 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se trata de textos literarios de quen foi, ademais de eminente médico, un dos grandes «caviladores» da Galicia do XX, tanto en galego como en castelán. Trátase, nesta ocasión, de textos inéditos -moitos e moi importantes-, escritos en moi distintas épocas por don Ramón Otero Pedrayo, un deses seres humanos que se realizou no escribir, publicásense ou non algúns deses escritos. Pero don Ramón, desde que chega a Santiago, como catedrático universitario, no ano 1950, ten ocasión de coñecer, tratar, querer e admirar a Domingo García-Sabell (1908-2003) como cidadán, como escritor e como médico. Nace unha extraordinaria amizade, unha relación fonda, cada vez máis fonda e entrañable, entre aquel intelectual novo e quen xa era o Patriarca, relación nunca dificultada polo «vostede» presente, sempre, en conversas e cartas. Foi a García-Sabell a quen lle entregou don Ramón, a quen lle regalou, centos e centos de páxinas inéditas, consciente de que era o destinatario mellor desas novelas, deses ensaios, deses contos, dun poemario, dunha obra de teatro... Non hai noticia de que amigos máis vellos, anteriores ao 36, como Ramón Piñeiro, Fernández del Riego ou Fermín Penzol, fosen legatarios de títulos inéditos de semellante entidade.

Un deses traballos inéditos, un extraordinario texto memorialístico, acaba de ser publicado pola editorial Galaxia co título Lembranzas do meu vivir I. O meu século XIX. Os tempos do instituto (Ourense, 1898-1904). Está prologado e anotado pola profesora Patricia Arias Chachero, xa unha autoridade na erudición oteriana, e por Teresa García-Sabell Tormo, que custodia, con lealdade e rigor, o arquivo literario de seu pai, onde existen, entre outros «tesouros», uns diarios seus que, na miña opinión, deberían ser exhumados canto antes.

As 50 páxinas do estudo introdutorio -e non poucas das 102 notas, algunhas moi extensas- poñen o acento, ao meu ver, na relación Otero Pedrayo / García-Sabell e, asemade, na das súas esposas, Fita (Josefina Bustamante) e Elena Tormo. Os catro nomes están, ás veces, no medio e medio da praxe cultural que, en non pequena medida, se desenvolvía na Rosaleda, o domicilio do ilustre doutor compostelán, capítulo este moi importante para quen queira estudar a fondo o galeguismo e a cultura galega cando Galaxia, na Terra, tiña a hexemonía, na definición e na estratexia. Tamén Elena Tormo é dedicataria dos inéditos de que nos dan noticia as prologuistas do volume. Velaquí algunhas, só algunhas desas noticias: Once horas composteláns didiante da morte, que é unha novela, como novela é A roseira ceibada; La hermana, peza longa de teatro en castelán; a serie de contos Do San Lucas ó San Xoán (da que só se publicaron tres relatos) e moitos outros textos, un deles unha especie de «diario de loito» que don Ramón escribiu, na primavera de 1957, evocando a figura de súa nai, dona Eladia Pedrayo Ansoar. Non escasean as conferencias, un dos xéneros máis agarimados polo autor.

Ignoro que pensa facer a editorial Galaxia ante tan asombroso material literario. Nos países orgullosos do seu patrimonio literario, textos menos relevantes estarían editados e comentados axeitadamente hai moito tempo. A oceánica literatura de don Ramón Otero Pedrayo é un capítulo fundamental -e, dalgún xeito, singular- das Letras europeas do século XX. Outra cousa é que, hoxe por hoxe, teña poucos lectores, pero esta cuestión debería ser obxecto dun Congreso precisamente no ano do Xacobeo (don Ramón tamén escribiu un guión cinematográfico sobre o Camiño de Santiago).