Escritores, mais tamén profesores

Alfredo López Penide
lópez penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Carmela Silva e Francisco Castro participaron na presentación telemática da Escola de Libros
Carmela Silva e Francisco Castro participaron na presentación telemática da Escola de Libros DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia impulsan a primeira Escola de Letras de Galicia, que arrancará a súa andaina este xuño se o covid o permite

21 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Co obxectivo de, en palabras de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, de «facilitar que todas as persoas que temos unha historia que contar, o poidan facer», esta Administración e Editorial Galaxia impulsan o que será a primeira Escola de Letras de Galicia e unha das poucas existentes no Estado.

«Fomos capaces de converter unha idea marabillosa nunha realidade», engadiu Silva, quen precisou que levan traballando nesta iniciativa case un ano. A intención é que a Escola de Letras, que terá dúas sedes -Pontevedra e Vigo- arranque a súa andaina o vindeiro mes de xuño cun obradoiro de escritura creativa sempre que a pandemia do coronavirus o permita. En caso contrario, adiarase ata setembro: «Nada é previsible», apuntou antes de recordar que a literatura, en particular, e a cultura, en xeral, está a ser un refuxio durante o confinamento derivado do estado de alarma.

En todo caso, deixou claro que a escola «non é unha idea efémera, a Escola chega para crecer e permanecer».

Polo pronto, e de manterse o calendario previsto, ao obradoiro sobre escritura creativa seguiranlle outros nove despois do verán. Deste xeito, e segundo destacou o director da Editorial Galaxia Francisco Castro, a actividade formativa desenvolverase ao longo do curso e estará baseada na realización de obradoiros cun máximo de 15 persoas que estarán dirixidos por escritores de primeira liña. Trátase, por tanto, de ofertar unha formación personalizada impartida por autores de dilatada traxectoria, primeiras espadas da literatura galega, e con experiencia na dirección para todos os chanzos de idade. En Vigo impartiranse os cursos de escrita creativa básica, o obradoiro literario de perfeccionamento e os de poesía de perfeccionamento e o literario para maiores, mentres que Pontevedra acollerá os de escrita creativa avanzada, o literario de iniciación, o literario avanzado e o obradoiro de poesía básico.

Francisco Castro incidiu en que, á marxe de ter máis de 16 anos, «o único requisito marcado para participar é ter amor pola palabra e a literatura». Definiu a Escola de Letras como «un proxecto novidoso e único a nivel galego e estatal, porque non existe nada así». Non ocultou que se trata de unha iniciativa moi ambiciosa, toda vez que «pretende transformar a realidade».

Non é preciso que o alumnado teña coñecementos previos de ningunha clase, de tal xeito que dende hoxe os interesados poden xa inscribirse na conta de correo electrónico que habilitará a Editorial Galaxia. Dado que existe unha limitación do alumnado, as inscricións serán atendidas por orde de entrada e será a propia escola a que proporcione o material formativo.

Paralelamente, desenvolveranse encontros con profesionais do mundo do libro, tanto autores como editores; realizaranse recitais; e publicarase un libro dentro do Catálogo da Editorial Galaxia que recollerá, cando menos, un traballo por participante.