Homenaxe ás avoas do confinamento

O cineasta Eloy Domínguez Serén retrata na curta «Distancia de seguridade» o impacto das medidas sanitarias no día a día das familias

Lola, a avoa do cineasta
Lola, a avoa do cineasta

Redacción / La Voz

Cada día, Lola, a avoa do cineasta Eloy Domínguez Serén aparece ante o muro que pecha a súa casa en Simes, no concello de Meaño, para conversar. Ese muro converteuse nunha «fronteira infranqueable», en palabras do director, e nun símbolo moi real de como as medidas sanitarias para facer fronte á pandemia cambiaron o día a día de moitas familias. Cando recibiu a proposta do Máster en Documental creativo da Autónoma de Barcelona para reflectir estes días do covid-19 nunha curta de menos de dous minutos, Domínguez Serén soubo que tiña o seu tema diante da porta.

«Dende o inicio da flexibilización das medidas de confinamento a miña avoa Lola aparece diante do muro da nosa casa unha vez ao día (ninguén sabe ben en que momento o vai facer) e chama por nós dende o camiño. Nós saímos ao xardín e falámoslle dende alí, ao noso lado do muro, gardando a distancia de seguridade. O muro, aínda que é baixiño, converteuse así nunha fronteira infranqueable. E así levamos semanas, falándonos dende lonxe e bicándonos polo aire», relata o cineasta. En menos de dous minutos, Distancia de seguridade -a proposta obriga a titular cada peza coa inicial dun dos apelidos do seu autor, e así armar unha sorte de abecedario da pandemia-, reflicte esa mestura de respecto, agarimo e prudencia que preside as relacións familiares estes días. «Penso que o máis estraño e maquiavélico de toda esta situación é a sensación de poder ser un perigo potencial para os teus seres queridos, unha posible ameaza. Pensar que lles podes facer dano ser querer ou sen saber, con só achegarte a eles. Iso é o que nos está a acontecer coa nosa avoa, como a tanta outra xente. Ela ten 86 anos e goza dunha extraordinaria saúde para a súa idade, pero ao comezo ninguén de nós sabía moi ben como actuar, que podiamos e que non podiamos facer», confirma Domínguez Serén.

O cineasta amosoulle a curta á avoa por riba do muro
O cineasta amosoulle a curta á avoa por riba do muro

Unha situación que se interpreta dun xeito especial nun lugar, como Simes -e como moitos outros lugares de Galicia-, onde o envellecemento da poboación ten un peso significativo e iso inflúe tanto na vida cotiá -acentuando as cautelas- como las lembranzas que trae do pasado. «Algunha xente desa xeración ten presente estes días a chamada Gripe Española de 1918. A miña propia avoa contoume que a súa tía morrera vítima dese virus con apenas vinte e catro anos, así como a mellor amiga daquela, ambas as dúas de aquí de Simes. E malia e todo é marabilloso comprobar a vitalidade, enerxía, tenrura e bo humor cos que ela está a tomar toda esta situación. Esa actitude vese na curta e é unha das cousas que emociona a quen a ve».

Empatía

Precisamente unha das calidades de Distancia de seguridade é como propicia a empatía e cada espectador atopa elementos cos que se identifica. «É fermoso e emotivo ler a xente que me di que me está a escribir literalmente aínda con bágoas nos ollos, logo de ver a curta, ou a xente que di recoñecer, conmoverse ou rir con moitos dos xestos da miña avoa, xa que llos viron facer tamén aos seus familiares e veciños ao longo de toda esta corentena. E sobre todo recibín mensaxes de xente que, ao igual que acontece na nosa curta, aínda non puido abrazar aos seus seres queridos, logo de máis de dous meses separados», conclúe o cineasta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Homenaxe ás avoas do confinamento