Día das Letras Galegas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

19 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña celebración das Letras Galegas pasa pola aprendizaxe diaria sobre a nosa cultura e así ampliar os meus coñecementos sobre ela. Detalles que poden parecer mínimos ou cotiáns como ler, escoitar música, descubrir palabras novas ou acentos diferentes son moi interesantes e abren novos vieiros.

O idioma é un dos piares fundamentais de calquera cultura. En Galicia aínda temos a sorte de telo vivo, e estamos en capacidade de recuperalo plenamente para que as vindeiras xeracións poidan gozar dun xeito correcto deste legado milenario que nos fai singulares no mundo. Dende a riqueza toponímica con todo o que agocha ata a máis humilde das cantigas tradicionais aínda vivas nas nosas aldeas amosan a grandeza dun idioma que deberiamos de respectar e tratar agarimosamente.

Sen ningún tipo de reparo para min, os días das Letras Galegas son os 365 que ten o ano, e así llelo trato de transmitir aos meus fillos e á xente da miña contorna inmediata e apreciada. Non simpatizo especialmente cos «días de…», e, sen desprezalos, penso que son indicativos dalgún tipo de eiva, e dáme magoa que as nosas letras estean nese grupo. Non é preciso ser un grande doutor nin un enxeñeiro para darse conta de que a lingua galega cada vez se fala menos, que porcentualmente se vai estancando nas franxas de idade máis avanzadas e que mingua o seu emprego nas idades máis novas, e iso non é nada esperanzador nin alentador de cara ao futuro.

Todo debería pasar por mudar actitudes de valoración tanto a nivel popular como a través das diferentes institucións competentes, mais todo indica que ese cambio non está á volta da esquina. Aínda lembro os desprezos que se lle facían na escola aos nenos que viñan das aldeas falando un fermosísimo galego, e sendo eu un rapaz bilingüe con pais e avós galegofalantes pasábao mal pensando no inxusto da situación. Xa non é así, pero o galego segue virando cara a unhas estatísticas en vermello, e non hai que ser unha aguia para decatarse. Unha auténtica mágoa e unha situación de alarma máis.