Carvalho Calero brillou en La Voz de Galicia con artigos de lingua, literatura e política

Esclareceu como elaborou, con Luís Tobío, o primeiro texto de Estatuto de Autonomía galego


SaNtIaGO / LA VOZ

«Tobío e máis eu, enteiramente sos, sen outras axudas nen consultas persoais, elaboramos o noso Estatuto»: así esclarecía Ricardo Carvalho Calero o 27 de xaneiro de 1981, na páxina 44 de La Voz de Galicia, a súa participación nese acontecemento histórico do país, no tempo da República. «Eu entón tiña pulo dabondo para elaborar Estatutos, e a miña enerxía xuvenil, talvez desaforada, non me permitía confinar-me no papel de amanuense. Mais de ambos redactores, Tobío era o máis autorizado, o máis competente, o máis vello. Así que, no conxunto da obra, a el tivo que corresponder-lle a cárrega principal», acrecentaría o 12 de setembro.

Son dúas das principais contribucións de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Compostela, 1990) neste xornal, onde brillou como científico, político e escritor en máis de 200 traballos, sobre todo entre 1964 e 1989. Esa produción recoñeceu a súa autoridade como figura central da Galicia do século XX, contribuíu para afianzar a súa posición e permitiu que defendese as súas ideas centrais e a súa erudición. A canonización de lingua e a literatura, a política lingüística e aspectos de interese biográfico destacan en artigos e estudos, moitos deles recuperados despois nos seus libros e publicacións científicas. Abordou a actualidade, case sempre referida a eses temas, e foi un lector atento e avisado, que dialogou con colegas e con outros lectores e respondeu a interpelacións.

Prefaciou así mesmo o libro O galego hoxe, editado na Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia: un curso de galego promovido pola asociación O Facho e que tivo 9 edicións entre 1978 e 1980, esta última adaptada ás normas ortográficas da Xunta, que fixou unha Comisión que el presidiu.

 

Dous dos mais de douscentos artigos que publicou Carvalho Calero en La Voz
Dous dos mais de douscentos artigos que publicou Carvalho Calero en La Voz

Desde 1929, numerosas informacións refiren asuntos moi diversos da súa vida, obra e traxectoria. O 25 de xullo de 1945 asina o poema O trebo das catro follas, sobre Compostela. «Cheio estou de feridas e trofeus», indica en Pentesilea, outro poema, publicado na capa do caderno de cultura o 13 de maio de 1983, nun especial dedicado á poesía galega para celebrar as Letras Galegas. Carvalho é presentado aí como «o vello profesor e o poeta de sempre» e encabeza unha longa lista de nomes, que salientaban ou emerxían xa na altura.

A literatura foi unha constante nas súas colaboracións, que entre 1970 e 1976 aparecen en domingo, e desde 1977 en diversas seccións de opinión, nos cadernos de Cultura, e algunhas cartas. 

Preferencia por Rosalía

Os estudos e a crítica literaria foron un esforzo constante. O 1 de xaneiro de 1964 publicou o seu primeiro gran traballo sobre Rosalía de Castro, «Cien años de Cantares gallegos», onde resaltaba a obra que uns meses antes orixinara a celebración das Letras Galegas, das que el é presentado como o máis cualificado crítico e ensaísta, e «uno de sus poetas de valor más acusado». Resalta o xornal a súa «finísima sensibilidad» e valora como «inigualada» a súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, editada en 1963. Carvalho conclúe nese traballo que Cantares gallegos tiñan dado un século de vida á cultura galega e garantían «una renta literaria para otros cien años, por lo menos». 

Rosalía foi a súa preferencia. A ela dedicou outros 17 traballos (en 1973, 1977, 1980 [3], 1981, 1982, 1984, 1985 [6] e 1986 [3]), e aparece citada en moitos outros. Tamén se ocupou de autores de moi diversas épocas, de Galicia e outras literaturas, con referencias a clásicos e á etapa medieval, até produtores máis novos, moitos do seu tempo e a quen tratou.

Entre as figuras das Letras Galegas de que se ocupou están Afonso X (nun artigo, en 1980), F. Esquío (1982), outros temas de literatura medieval galego-portuguesa (1965, 1986), o Álbum de la Caridad (1978), os Diálogos de Santiago das primeiras décadas do XIX, a poesía galega de guerra e posguerra (1988), ou a narrativa histórica (1987). E Castelao (1970, 1980 [2 veces], 1984, 1986 [4], 1987 [2], 1988), Manuel Luís Acuña (1975), Gerardo Álvarez Gallego (1986, con Alexandre Bóveda), os irmáns Camba (1985), Amado Carballo (1973, 1982), Augusto Casas (1974), Armando Cotarelo (1981 [con Prisciliano], e 1982), Bouza Brey (1973, 1981), Cunqueiro (1974 [2], 1983, 1986, 1989), Curros (1987), Díaz Castro (1988 [2]), Rafael Dieste (1974, 1983 [2]), o padre Feijó (1986), Celestino Fernández de la Vega (1989), Antonio Fraguas (1989), Francisca Herrera (1986), Manuel Antonio (1973, 1979), Noriega Varela (1973), Otero Pedrayo (1973 [2], 1986, 1988 [2], 1989), Daniel Pernas Nieto (1988), Justo Pico de Coaña (1989), Luís Pimentel (1989), Vicente Risco (1973, 1974, 1984 [2]), Torrente Ballester (1974), Silvio Santiago (1974), ou Valle-Inclán (1984, 1986).

Ou escritores e investigadores máis novos como X. R. Barreiro (1981), Teresa Barro (1981), José María Dobarro (1988), Claudio Rodríguez Fer (1987), Víctor Freixanes (1989), Luís García Soto (1989), Cesáreo Sánchez Iglesias (1982), Elvira Souto (1989) e Miguel Carlos Vidal (1988).

Alén de divulgar estas figuras, revelando novidades para o seu mellor coñecemento, moitos deses traballos eran valiosos para utilizar no ensino. Usou o xornal tamén para investigar. Un bo exemplo son dous artigos que dedicou a Antonio Paz Míguez, o 16 de xullo e o 8 de setembro de 1977, na páxina 3 do xornal e co título, «Da emigración». No primeiro deles refería a pouca información sobre o autor dunha novela con ese título impresa por A. Casal na editora Nós en 1936; e no segundo, como grazas a ese artigo contactou co autor, e acrecentaba información valiosa.

Utilizou (o 25 de agosto de 1957) o pseudónimo Fernando Cadaval para lembrar o poeta ferrolán Nicolás García Pereira. 

Normalizar e reintegrar

«Normalización e reintegración do galego» (21 de xuño de 1979) é un artigo moi citado. Propón nel «unha política de autenticidade, que non aceite resignadamente o deterioro histórico que o galego sofreu». Xulga como primeiro principio que debe informar a conduta lingüística o de «reintegración do noso idioma no seu mundo natural, é dicer, o galego-portugués». Ese é outro gran tema nestas páxinas, e o da política lingüística.

Carvalho Calero trata desde 1972 a situación da lingua. Ese ano aborda o perfil histórico e xeográfico do galego, as relacións co castelán e co portugués, e reivindica o galego como unha lingua. Protestou polas dificultades para o ensino do galego, e é paradigmático o artigo «Cátedras de galego nas escolas universitarias», do 10 de agosto de 1977.

O 20 de xullo e o 10 de agosto de 1975 publica «Ortografía galega» e «Galego-Portugués ou Galego-Castelán», artigos centrais para entender a súa posición. Carvalho defenderá que o galego «conquiste todas as capas da sociedade»; e «O uso do galego para todo», título doutro artigo, o 22 de marzo de 1981, onde valora como o «máis urxente» a «normalización do idioma en todas as esferas da vida». Afirma (4 de febreiro de 1983) que «a história do galego desde o século XV é unha história clínica, a história dunha língua enferma e mutilada». O 15 de outubro dese ano reclama o deber do seu estudo para atinxir unha oficialidade plena e para que non sexa na práctica «unha língua para obxectores de conciéncia».

O 13 de xullo de 1986, en «Oficialidade subalterna», reitera a súa oposición á «limitazón aos direitos da língua galega» e a que se reforce «o desequilíbrio na convivencia» do galego e o español. En varios textos cuestiona a actuación da Administración central con Galicia, como en «A trampa farisea» ou «O Estado de doble fondo», do 15 e o 24 de maio de 1984.

Reproba outras veces decisións das institucións locais e autonómicas ou solucións que non consideraba acertadas, como a designación para a zona de Compostela «El Pajonal», que el entende debe ser «Restollal» (así prosperou, e non «Paxonal», como non é «Unha aguxa nun paxar», artigo do 18 de outubro de 1988); ou sobre a polémica cos topónimos «Rianjo» (1979); ou «Puebla del Caramiñal», da que escribiu en 1985 e 1987. 

Política lingüística

Opina do uso de dúas linguas e dos problemas do bilingüismo; expuxo as súas razóns sobre asuntos de gramática, para defender a lexitimidade de «dicer», «Galiza» e outros aspectos; e insistiu na necesidade de «Un galego rendível, é dicer, económico e competitivo» e que sexa «Unha lingua competitiva», títulos de artigos de 19 de novembro de 1987 e 28 de marzo de 1989, entre outros nesa liña.

En «Filoloxía e política» (3 de xaneiro de 1978), «De máximos e mínimos» (27 de xaneiro de 1987), ou en cinco artigos de 1988 co título de «Política lingüística» ofreceu outras das súas principais alternativas para o idioma.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Carvalho Calero brillou en La Voz de Galicia con artigos de lingua, literatura e política