A poesía de Ricardo Carvalho Calero: un xogo de espellos


Cando celebraremos, por fin, este ano 2020, o Día das Letras Galegas dedicado a Carvalho, é o momento de valorar ata onde chega a súa dimensión como «home de letras». Deixando á parte a súa faceta como profesor, filólogo e investigador sobre Literatura, cómpre chegar a un aspecto que sen dúbida o preocupou tamén toda a súa vida: a súa estatura como creador literario. Asunto difícil o de xulgar esa estatura nun escritor que cultivou todos os xéneros, e todos cunha alta calidade, na que sen embargo hai que facer matizacións e acoutamentos.

Vaia por diante que, para o que isto escribe polo menos, o Carvalho creador literario é un modelo único na Literatura Galega. Autores como Castelao, Otero Pedrayo ou Blanco Amor crean unha realidade literaria a partir das sús vivencias; Carvalho crea a súa realidade literaria a partir das súas lecturas. É un caso, único na Literatura Galega, de «literatura en segundo grao»: un home que é antes lector, crítico literario, analista de estruturas e métrica, antes do que creador el mesmo. Non é estraño no primeiro Catedrático de Literatura Galega de Universidade; non é estraño nun home que non só coñecía a súa terra e a súa lingua, senón que sobre todo a vivía a través de e no espello da súa Literatura. A figura de Carvalho é única porque probablemente é o primeiro (e único) escritor galego que lera toda a literatura en lingua galega, e grande parte da literatura portuguesa, anterior a el. A súa literatura de creación é, pois, un verdadeiro xogo de espellos: un gozo para o filólogo e o estudoso da Literatura, pero unha literatura que non pode chegar a ser nunca «popular» no sentido dunha literatura «en primeiro grao», que parta das experiencias e non da pura vontade estética de xogo literario e intertextual.

Que queda como o máis grande da produción de Carvalho? O Carvalho narrador? Certamente, dúas obras como A Xente da Barreira e Scórpio son dous tours de force, dous esforzos literarios ciclópeos. Pero non tanto polo que supuxeron de creación dun mundo, senón polo que supuxeron de superación dos dous modelos que o propio Carvalho se puxo por diante: A Xente da Barreira é a reacción carvalhiana a Os camiños da vida de Otero Pedrayo; Scórpio é a (serodia) reacción carvalhiana a Xente ao lonxe e a toda a produción de Blanco Amor (coas súas innovacións na estrutura narrativa). O teatro de Carvalho é estimábel, pero temén ligado á renovación do teatro europeo (sobre todo en lingua francesa) de posguerra: a diferencia entre O ferreiro de Santás de Varela Buxán e a Farsa das zocas de Carvalho é que esta última é obra dun filólogo que coñece a Commedia dell’Arte e a Jean Anouilh.

O que quedará como unha das obras máis grandes da Literatura Galega será a poesía de Carvalho: a súa perfección técnica, a enorme riqueza de alusións literarias (as veces rebuscadísimas: Carvalho sempre desafía ao lector), a multiplicidade das súas formas fan que sexa case inabarcábel para entrar a facer unha breve valoración dela. Diremos que Salterio de Fingoy (1961) é a súa obra-mestra, un dos cumios da poesía galega nun «bienio de ouro» que produciu catro ou cinco deses cumios da poesía (Nimbos, 1961; Lanza de Soledá, 1961; Salterio de Fingoy, 1961; Longa Noite de Pedra, 1962). En Salterio de Fingoy a reflexión existencial, a procura da transcendencia e de Deus (ben estudada no seu momento pola profesora Araceli Herrero Figueroa), pero tamén a reflexión sobre a Historia (o impresionante poema sobre Gandhi mete a reflexión histórica e política na poesía galega... en 1961!) e xogos literarios moi ben enfiados (un poema como Urbe é capaz de combinar a vella tradición do enfrontamento cidade-campo, que vén de Horacio e do Bispo de Mondoñedo Guevara, con Machado, o García Lorca de Poeta en Nueva York, o Dámaso Alonso de Mujer con alcuza... combinado con Noriega Varela!).

Cada poema de Carvalho, repito, cada poema, induce a un mundo de reflexións: o que non a unha reflexión teolóxica ou exitencial, a unha reflexión sobre o xogo coa intertextualidade. Este xogo intertextual acentúase nos seus últimos libros (Cantigas de amigo e outros poemas e Reticencias), onde temos un paseo por toda a tradición literaria europea. É quizais a máis complexa poesía do século XX galego, a poesía máis intertextual para o lector ou lectora máis intelixente e versado. Detrás dela, como detrás da poesía de J. L. Borges, vemos unha imaxe de Carvalho, un espello dentro doutro espello. Por tomar unha imaxe dun mundo que lle interesou, case os obsesionou, nos seus últimos libros de poemas, podemos comparar a Carvalho cun Tristán de Leonís que escapa ironicamente entre todas as Isoldas das moitas lecturas.

Xosé Manuel Vélez Latorre é profesor de Latín no IES Blanco Amor de Ourense.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

A poesía de Ricardo Carvalho Calero: un xogo de espellos