Nesta data, tan próxima ao Día das Letras Galegas (pasado mañá), cómpre abordar a figura do persoeiro que protagoniza tan importante acontecemento. Teño a evidencia de que moitos lectores desta miña sección quedarán entre insatisfeitos e desconcertados co título do presente Beatus, título -pido a venia- que debería conter esta extensión e estes datos: «O profesor Carballo Calero, extenente republicano, con 31 anos, explica uns rudimentos de Filoloxía galega por primeira vez na historia da humanidade, ben entendido que non o fixo, nesa data, o ano 1941, nunha tribuna académica senón nun dos espazos lóbregos da prisión de Santa Úrsula (Jaén), onde o insólito profesor foi hóspede, con outros presos republicanos, durante dous anos. Naquela España de Franco, que era unha inmensa prisión, estaba totalmente prohibido explicar o idioma galego nos centros escolares e en ningunha outra tribuna, pero nos cárceres franquistas, paradoxicamente, algúns reclusos doutos explicaban, a outros compañeiros de infortunio, temas de Historia, de Economía, de Política, sempre en voz moi baixa, e tamén de Lingua galega, en primeiro lugar Carballo Calero (1941) e, en segundo lugar, Cesáreo Saco, na prisión de Alcalá de Henares en 1946». Que eu saiba, ninguén ten procurado ou batido con algún dos alumnos de tan pioneiros profesores, razón pola cal non dispomos dos apuntamentos de tan insólitas e arriscadas clases.

Pero hai un alumno e os correspondentes apuntamentos escolares: os de R(icardo) Guisasola de la Torre, autor, en abril de 1941, dun compendio titulado Apuntes de Lengua Gallega. Literatura Moderna. Trátase dun manuscrito dun prisioneiro non galego do penal de Santa Úrsula, compañeiro de tribulacións de Carballo Calero de quen solicitou un informe panorámico de Filoloxía galega que, logo, compendiou no opúsculo citado. Tal opúsculo figurou, na sección de Inéditos, na mostra Cen anos de Literatura Galega exposta no Círculo das Artes de Lugo en decembro de 1963 (o ano do centenario de Cantares gallegos). Quen precise estes datos consulte a ficha número 1692 do catálogo homónimo publicado un ano despois (1964) por Epifanio Ramos de Castro e por min no propio Círculo das Artes. Sería unha fermosa homenaxe ao alumno Guisasola de la Torre e ao profesor Carballo Calero facer unha edición facsímile de peza bibliográfica tan insólita e tan significativa na historia da bibliografía dos tempos máis duros do franquismo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Carballo Calero: cátedra de Galego no cárcere (1941)