
Pilar García Negro recupera esta expresión que Carvalho lle dedicou a Otero Pedrayo: perfecta definición do seu espírito. Disto mesmo falan catro especialistas
14 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.García Negro, Dacosta, Rabuñal e Pilar Pallarés representan unha pléiade de voces, entre outras, unidas arredor dun motivo común como é o da divulgación da figura e a obra de Carvalho Calero.
Pilar García Negro, autora de Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (Laiovento) e editora no seu día de A gente da Barreira, gozou dun trato persoal co homenaxeado. Del evoca que a «aparente distancia como profesor deviña afabilidade e afecto no trato próximo», salientando ao mesmo tempo dúas virtudes nel que sintetiza no seu espírito colaborativo e na xenerosidade.
Para Pilar Pallarés, que publicou, alén doutros traballos anteriores, unha recente antoloxía poética de Carvalho baixo o título de Beleza, verdade (Chan da Pólvora), foi sempre o seu mestre. Tratouno primeiramente como profesor, no que sería o seu derradeiro curso e, logo, como colaborador asiduo das asociacións culturais de base nos anos oitenta. Coincide en que en «a distancia e circunspección iniciais convertíanse en cordialidade e nunha inmensa xenerosidade nun trato máis próximo. Era discreto, humilde, perseverante, irónico, leal aos ideais e ás persoas».
Situacións difíciles
Henrique Rabuñal, pola súa parte, responsable dun recente e rigoroso ensaio -Ricardo Carvalho Calero. O anxo na terra (Galaxia)-, entende que a súa figura «encarnaba a dignidade, a liberdade, a sabedoría e un altísimo grao de compromiso co noso país, lingua e cultura». A atención crecente respecto do seu universo naceu á par de ir coñecéndoo na súa obra e na súa vida: «Síntome parte dun amplísimo número de persoas que cre que lle hai que devolver unha parte do moitísimo que deu pola nosa cultura, ás veces en situacións moi difíciles. É unha delicia cultivar ese interese polo que un goza e aprende».
Unha das voces que non o tratou persoalmente, o profesor Henrique Dacosta, responsable de Vida e obra dun ser polifacético (Xerais) achegouse a el por varias razóns entre as que se contan a súa simpatía polo reintegracionismo, polo feito de gañar o Certame Carvalho Calero, por lecturas do autor e participacións en diversos proxectos aglutinados pola súa figura. Da súa obra non dubida en salientar tanto a poesía última, que valora como «existencialista, sutil, saudosa» e o ensaio e o estudo da literatura, do que resalta «a harmonía e simpatía cos autores comentados, os datos obxectivos que exhibe, o seu rigor e a sensibilidade estética, a súa erudición e os seus vastos coñecementos». Igualmente Pilar García Negro destaca a poesía, dentro da obra súa artística e, como científico, a historia da literatura galega; algo no que coincide Pilar Pallarés, que non esquece nin a súa poesía nin «a lucidez das súas análises sociolingüísticas». Rabuñal, por último, chama a atención respecto do seu «carácter poligráfico, a súa alta exixencia, o seu volume, o seu diálogo intercultural e o feito de ser unha obra clásica».
A autora de Tempo fósil pregúntase como un ser humano só, en condicións persoais e históricas por veces tan adversas, puido facer tanto. Sorpréndelle, aínda hoxe, «o poliédrico e diverso das súas dedicacións, unhas por vocación (a poesía, o teatro, a docencia, a análise literaria) e outras por sentido do deber. Por el se dedicou ao activismo político na preguerra e por el relegou a obra de creación nos sesenta e setenta».
Maxisterio
Para a profesora García Negro o interese en Carvalho nace de entender a súa figura como a do «maior e mellor polígrafo da súa xeración» e, ao mesmo tempo, por concibir globalmente «o seu maxisterio, a súa enorme cultura literaria e histórica, a enorme sapiencia e suxestións que a súa obra encerra», ao que suma algúns trazos definidores: «Elegante, modesto, deferente, galego universal e servidor constante da cultura da Galiza». Rabuñal, alén de atribuírlle unha vasta cultura, distingue nel trazos como son o seu galeguismo «clásico e ortodoxo e o seu traballo infatigable». Dacosta precisa, asemade, a súa entrega «á causa lingüístico-cultural galega e a súa vocación de servizo», mentres que Pilar Pallarés o define cun rotundo e significativo «xigante».
Emerxe nas catro voces unha opinión semellante no que respecta á ampliación cara ao 2021 do ano Carvalho Calero motivado polo covid-19. Velaquí a contundente afirmación de García Negro de que «circunstancias excepcionais xustifican medidas excepcionais». Nesta liña exprésase Rabuñal para quen a homenaxe á súa figura «tan inxustamente postergada, non merece ningún tipo de restrición ou atallo» ou Dacosta, quen participa da opinión de que o recoñecemento, estragado pola pandemia, debe ser adiado e que «non chega co 31 de outubro, non pode pasar sobre a punta dos pés. Celebrémolo debidamente en 2021». Pallarés opina, por último, que ampliar a dedicatoria sería de xustiza sen deixar de pousar a ollada nas novas xeracións e na súa difusión no ámbito do ensino: «Homenaxear un autor que non pode ser lido é un absurdo».
Celebración da vida e obra de quen traballou incansablemente por Galicia
Fugas, que se entrega este venres co periódico, amplía a homenaxe de La Voz a Carvalho Calero. Autores como o presidente da RAG, Víctor Freixanes, Pilar García Negro e Carmen Blanco, que foi alumna súa dende nena, e mantivo con el unha amizade, achegan o valor da seu traballo incansable por Galicia e a súa cultura. Fugas entrevista tamén a Héctor Cajaraville, que achega aos novos o legado de Carvalho no libro A pegada do compromiso, e amosa unha carta do autor.