Gran concerto virtual no Día das Letras

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

CULTURA

XUNTA

Máis de 170 músicos das bandas de Viveiro, Arca, Chapela e Vilatuxe ofrecerán en Youtube o domingo 17 un programa especial conxunto de homenaxe a Carvalho Calero

13 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, é unha das datas máis importantes para a cultura en Galicia e, pese á cancelación da maior parte das citas relacionadas coa celebración e ao confinamento decretado neste 2020 por mor da pandemia do coronavirus, as bandas de música non querían deixar pasar a oportunidade de chegar aos seus espectadores. Catro das formacións máis activas durante a corentena, a Banda de Música de Arca, a Banda de Música O Landro (Viveiro), a Banda de Chapela e a Banda de Vilatuxe, queren facelo por todo alto, e por iso levan días traballando nun programa concerto especial conxunto de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero que será retransmitido a través de YouTube (canal da Banda de Arca) o próximo domingo a partir das 19.00 horas. No encontro cultural participarán máis de 170 músicos, que farán soar os seus instrumentos desde as súas casas, e contarán coa colaboración dos compositores Andrés Álvarez, Simón Couceiro, Carlos Rodríguez e Antón Alcalde, ademais da escritora e docente Inma López Silva, coa que conversarán sobre a figura dun home nado en Ferrol no 1910 e falecido en Santiago de Compostela no 1990, e que foi, entre outras moitas facetas, historiador, filólogo, crítico literario e ensaísta.

«O Día das Letras Galegas sempre é moi importante para os músicos, pero este ano todo é diferente. A idea de preparar este concerto xurdiu dun rapaz que está na directiva da Banda de Arca e que traballa no sector audiovisual. Cadrar todo isto supón un traballo de organización e de edición glorioso, tremendamente complexo», recoñece o director da banda viveirense O Landro, Carlos Timiraos, que tamén se mostra moi orgulloso do traballo e o esforzo realizado durante o confinamento polos máis de 60 músicos que dirixe; moitos deles nenos e rapaces. Durante a pasada Semana Santa gravaron un concerto virtual que en menos de 48 horas sumou máis de 7.000 reproducións en Facebook.

Tocarán o «Himno Galego»

A guinda do pastel ao concerto do día 17 poñeraa a interpretación conxunta «e confinada» do Himno Galego. «Unha versión que se converterá, probablemente, na versión máis numerosa de todas as interpretacións publicadas durante estes meses de corentena», apuntan desde a organización do concerto, que resaltan que as bandas galegas «levan boa parte destes meses amenizando as corentenas cun traballo ben complicado: facelo desde a casa e sen poder ensaiar». Recordan que Resistiré ou a muiñeira Mozos do Penedo foron algúns dos temas seleccionados neste tempo.

Este domingo, Lucía Pérez, Najla Shami e Esperanza Mara acompañarán o son dos instrumentos musicais durante o Himno Galego poñéndolle voz ás verbas de Eduardo Pondal. Ademais, a Familia Vázquez TV será a encargada de interpretar o himno na lingua de signos.