Sargadelos, industria e memoria

Camilo Díaz lembra o cincuentenario, hoxe, da apertura da Planta Circular e o centenario de Isaac Díaz Pardo neste ano

Os inicios: De esquerda a dereita, Luis Marentes, socio; Díaz Pardo e Albalat, e os socios Ánxel Vázquez e José Rey Romero. Baixo o cartel, Rosendo Díaz e á dereita, o autor do artigo, Camilo Díaz, fillos de Isaac.
Os inicios: De esquerda a dereita, Luis Marentes, socio; Díaz Pardo e Albalat, e os socios Ánxel Vázquez e José Rey Romero. Baixo o cartel, Rosendo Díaz e á dereita, o autor do artigo, Camilo Díaz, fillos de Isaac.

O 10 de maio de 1970 o Laboratorio de Formas, creado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane na Arxentina en 1963, inauguraba a Planta Circular do novo Sargadelos, obra do arquitecto Andrés Fernández-Albalat -membro do Laboratorio, recentemente falecido-, recuperando a tradición cerámica en Sargadelos e iniciando a súa Quinta Etapa, un importante anaco da nosa memoria histórica que, afortunadamente, hoxe ten as súas instalacións e patrimonio protexidos coa declaración de ben de interese cultural (BIC).

Días despois, o 17 de maio, o Laboratorio de Formas inauguraba no complexo industrial e cultural do Castro (Sada) o Museo Galego Arte Contemporánea Carlos Maside (en fase actual de declaración BIC), cos fondos doados principalmente por Isaac e Seoane. Rafael Dieste pronunciou a conferencia inaugural deste museo que se converteu nun referente fundamental para comprender as vangardas da arte contemporánea da Galicia do primeiro terzo do século XX que se atopaban esquecidas, cando menos por un amplo porcentaxe da sociedade galega.

Na festa de inauguración da Planta Circular de Sargadelos, á que acudiron autoridades, artistas e intelectuais galegos así como veciños de Cervo e de toda Galicia, descubriuse un mural de Luis Seoane en homenaxe ao fundador de Sargadelos, Antonio Raymundo Ibáñez, no acceso ao patio do edificio. Ese día non só principiaba unha industria cerámica, senón un exemplo significativo da recuperación da memoria histórica de Galicia, que a ditadura tiña silenciada.

O Grupo cultural e industrial de Sargadelos chegou a contar con máis dunha ducia de institucións das que hoxe non sobreviven máis que as mercantís Sargadelos e o Castro Ltdas., institucións vítimas das liortas societarias e crises económicas que apareceron despois de apartar a Isaac Díaz Pardo, no 2006, da dirección do grupo.

Isaac Díaz Pardo e Andres Fernández-Albalat consultan os planos para a Planta Circular. Un dos carteis que anunciaban as obras
Isaac Díaz Pardo e Andres Fernández-Albalat consultan os planos para a Planta Circular. Un dos carteis que anunciaban as obras

Ideas e ciencia

«As Cerámicas do Castro e Sargadelos están feitas coas ideas e a ciencia que lle aportou o Laboratorio de Formas e o Seminario de Sargadelos», así rezaban as etiquetas que cubrían as caixas dos envoltorios das porcelanas. Desde 1949, en que Isaac crea as Cerámicas do Castro, ata o 2006, este artista, intelectual e dinamizador cultural e industrial puxo en marcha numerosos emprendimentos: en 1955 crea Porcelanas de Magdalena, na República Arxentina; en 1963 o Laboratorio de Formas crea un Convenio intersocial con Cerámicas do Castro para restaurar a actividade cerámica en Sargadelos, reservándose a dirección, da que foi apartado en 2006; en 1972 inaugura o Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, verdadeiro «obradoiro» do Laboratorio de Formas, dando inicio ás célebres Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre que, dirixidas por Isaac e Andrés Varela se desenvolveron durante 35 anos e convocaron a máis de 2500 alumnos de todo mundo, así como decenas de profesores e intelectuais invitados; o Laboratorio de Formas solicita e consigue -seguimos en 1972-, a declaración de Conxunto Histórico-Artístico para o vello recinto industrial, o que daría pé á creación do Real Patronato de Sargadelos, coa presidencia de honor da raíña Dona Sofía, e a restauración da Casa da Administración como Museo Histórico de Sargadelos; en 1974 o Seminario establece un Convenio Notarial con Sargadelos Ltda. de contraprestacións para dotar de deseño, arte, ciencia, investigación cerámica, tecnoloxía, enxeñería, comunicación, edición, etc. á fábrica de cerámica.

Crecemento meteórico

De todas cantas institucións culturais e de investigación creou Isaac, foi o Seminario de Sargadelos a institución máis importante, pois posibilitou o crecemento meteórico do Grupo Sargadelos ata o 2006. O patrimonio que custodiaba o Seminario de Sargadelos (BIC), actualmente extinguido, estaba formado en parte polas importantes aportacións de Isaac que fixo ao longo dos anos. Parte dese patrimonio legado o custodia o Concello de Cervo, que o ano pasado facilitou espazo e transporte para o mesmo. Moitos dos fondos particulares de Isaac aínda fican nas instalacións do Seminario. Agardamos que a futura institución que reúna a memoria e parte do patrimonio de Isaac Díaz Pardo, acolla algún día os fondos que aínda hoxe permanecen nos locais desta entidade extinguida, que se lle acaba de adxudicar a Sargadelos Ltda. nun proceso presuntamente irregular, do cal os socios maioritarios teñen informado ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Tentamos resumir, no centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, e no cincuentenario da inauguración da Planta Circular de Sargadelos e do Museo Carlos Maside, as vicisituces que rodearon as obras levadas adiante por Isaac Díaz Pardo o do que sobrevive do seu inxente labor. O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura homenaxeará ao creador polifacético cunha exposición sobre todas as facetas da súa personalidade, que non foron poucas ni cativas, mostra que se inaugurará cando as circunstancias de saúde debido a pandemia o permitan.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Sargadelos, industria e memoria