Unha viaxe musical e narrativa á Guerra da Independencia

O compositor Carlos Cernadas lanza o proxecto Sons of Exodus, que mestura rock duro e sinfónico coa tradición galega nun relato histórico que non esquece as lendas

O guitarrista Carlos Cernadas está afincado en Londres
O guitarrista Carlos Cernadas está afincado en Londres

redacción / la voz

Galicia, 1809. Dúas mulleres diríxense a cabalo a Santiago. Unha é unha moza fermosa, a outra, unha vella chosca e cunha cicatriz nun ollo, pero boa intérprete de cantigas e lendas, actividade coa que se gaña a vida. Ambas son as protagonistas de Sons of Exodus, un proxecto musical e narrativo que vén de poñer en marcha Carlos Cernadas e que se remonta á Guerra da Independencia para enfiar un relato histórico épico, con episodios como a batalla de Elviña, pero que non esquece aspectos míticos como a Raíña Lupa ou o Pico Sacro.

«O punto de partida era usar algún acontecemento histórico ocorrido en Galicia que dese pé a un relato épico», explica Cernadas dende Londres, onde reside dende o ano 2016. A súa procura levouno á Guerra da Independencia e á figura de John Moore, unha historia que «conecta Galicia co Reino Unido e que me parecía apropiada como gancho para que xente de fóra se puidese interesar por Galicia e a nosa cultura».

Porén, o compositor desbotou a súa idea primeira de concederlle o papel principal ao xeneral británico. «Pensei, por que non facer que a protagonista dun relato heroico sexa unha anciá?», lembra. «Certo é que non é unha anciá calquera pero para saber máis hai que ler a historia. O personaxe da rapaza xurde porque me interesaba que houbese máis diálogos e para ter un personaxe mais nova, que puidese conectar con outro tipo de público».

E así nacen Kalen e Loucia, que levan da man ao lector e oínte por esa viaxe narrativa e musical que é Sons of Exodus. Na páxina web do proxecto, Cernadas publica cada martes un episodio e un tema desta historia, que se irá completando ata chegar á ducia de composicións. De momento, xa se pode coñecer o prólogo e un tema inspirado nos cantares de cego, Blind Man Song.

E se Sons of Exodus mestura historia e lenda, no eido musical tamén promove outras fusións, neste caso, a que resulta do rock duro e sinfónico coa tradición galega. «Por un lado tes melodías ancestrais que recordan ao celtismo ou ao medievo, combinadas co poderío das guitarras eléctricas e a batería e a epicidade que dá engadir instrumentos orquestrais. O que me parece un filón é indagar sobre a mestura dos alalás e das melodías máis tradicionais, porque xa hai moitos grupos que fan folk/rock ou celtic/metal, pero non tantos que mesturen música galega e rock desta maneira», describe Cernadas.

Sons of Exodus irá collendo forma na web nas vindeiras semanas, pero Cernadas non descarta que se poida levar tamén aos escenarios: «O meu primeiro obxectivo é dar a coñecer o disco á maior cantidade posible de xente, que o escoiten e se empapen coa historia e así formar parte do panorama da música galega. Se hai unha resposta favorable do público e unha base suficiente, pensarei na posibilidade de facer unha xira». O que si promete é que o proxecto non rematará con esta entrega, senón que poderá prolongarse en futuros discos. 

Entre Rianxo e Londres

Sons of Exodus, dalgún xeito, tamén remite ao lugar de procedencia e asentamento actual de Cernadas, mesmo no lingüístico: «Sons» musicais en galego, «fillos» en inglés. Natural de Rianxo, afincouse na capital británica no 2016 para estudar unha carreira en música creativa e na procura de intérpretes cos que tocar. Entrou a formar parte como guitarrista da banda da vocalista turca Selin Gecit, coa que gravou un EP. «Ademais disto, na universidade tés que tocar semanalmente con outros músicos, montando temas, arranxándoos e improvisando, así é que podo dicir que foi unha experiencia moi enriquecedora», relata. Aló, a preocupación recente polo brexit viuse desprazada polas incógnitas do panorama vital e profesional tras a corentena. Confinado, Cernadas dedica o tempo a dar clases pola Rede, ensaiar e pensar máis en Sons of Exodus.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Unha viaxe musical e narrativa á Guerra da Independencia