Os festivais de cine galegos amosan a súa «indignación» co plan de recuperación cultural

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

O festival de Cans é un dos certames aprazados
O festival de Cans é un dos certames aprazados ALBERTO PEREZ BARAHONA

A Xunta afirma que se a situación sanitaria o permite estudará posibles patrocinios a través do Xacobeo 21

07 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Proxecta, a coordinadora galega de festivais de cine, que agrupa a 16 certames, amosou onte a súa «indignación» co plan de reactivación de cultura da Xunta. Segundo o colectivo, malia un compromiso previo polo que se achegarían 100.000 euros aos certames a través do Xacobeo 2021, no plan finalmente só hai «dúas liñas escritas con referencia aos festivais». Proxecto lembra que xa son cinco os certames que tiveron que ser aprazados e que todos atravesan unha situación difícil. Ademais, afirman vivir na incertidume pola paralización por mor do coronavirus da resolución da liña de axudas a festivais de cine e audiovisuais deste ano, unha dotación global para repartir entre 20 certames.

Pola súa banda, a Xunta afirmou onte que o plan inclúe medidas de apoio para os festivais. Mantense a convocatoria de axudas neste exercicio, que cifra en 200.000 euros, un 12 % máis que o pasado ano. Tamén se afirmou dende a Consellería de Cultura que se ofrece a posibilidade de reprogramar as citas ata o 30 de novembro e increméntase a intensidade da axuda, pasando do 60 % ao 80 % do importe. Se a situación sanitaria permitise a celebración presencial dos festivais, Cultura afirma que estudaría posibilidades de patrocinio co Xacobeo.