Raúl Dans gaña o premio Laudamuco de textos teatrais con «Só un home bo»

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

O autor teatral, guionista e actor de dobraxe Raúl Dans
O autor teatral, guionista e actor de dobraxe Raúl Dans

O autor recibirá 7.000 euros e Edicións Positivas publicará a peza gañadora

04 may 2020 . Actualizado a las 15:42 h.

Só un home bo é o título da obra coa que Raúl Dans (A Coruña, 1964) vén de gañar a segunda edición do premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Será este texto o que publique a peza gañadora, pola que o seu autor recibirá 7.000 euros.

O xurado, formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede tivo que reunirse telematicamente para deliberar e emitir o seu fallo. Da obra gañadora destacaron «ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico». Ademais, o xurado recoñeceu «unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso».

Dans, autor teatral e actor de dobraxe, conta na súa carreira con títulos senlleiros como Lugar, Derrota e Unha corrente salvaxe. Polo seu traballo como guionista televisivo recibiu o Mestre Mateo por Terra de Miranda e As leis de Celavella.