Confinados co «Quixote»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

01 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos a poucas datas do 23 de abril, Día do Libro, que, nesta edición, non se celebrou coas manifestacións tan frecuentes nas anteriores. Pero a min foron varias as persoas que me preguntaron que libro conviña ler en tempo tan abafante, para uns, e tan átono, para outros. Persoas houbo que precisaron a pregunta: que libro era o máis axeitado para os rapaces de once anos, de doce, de trece... A miña resposta foi sempre rotunda: o Quixote! Eu ben sabía que fora este o primeiro libro que lera un neno que, anos despois, sería un gran poeta alemán, Heine (1797?1856).

Nunca recomendei, nin dentro nin fóra da aula, edicións abreviadas da gran novela de Cervantes, nin arranxadas ad usum puerorum. O que sempre recomendei foron os dous grosos volumes de 1605 e 1615 tal como o xenial Miguel de Cervantes os escribiu. Teño datos que avalan a miña posición, maximalista para algúns, e expostos están nun extenso traballo meu titulado Memorias cervantinas de un profesor cervantófilo (1941-2005), do ano 2007. Nese traballo ofrezo a biografía cervantina de coñecidos homes galegos que, sendo moi nenos, devecían polo Quixote. É o primeiro, no meu relato, Ramón Suárez Picallo (1894-1964), quen, con doce anos, sentía unha devoción extraordinaria polo Quixote na súa escola pública de Sada. Tiña dous anos menos Santiago Álvarez (1913-2002) cando comezou a ler na escola valdeorresa de San Miguel de Outeiro aquel libro excelso, tan excelso que, cando a súa curmá Remedios lle ofreceu por Reis un regalo, lonxe de escoller o balón que ela lle asignara, preferiu o Quixote, que «leí de punta a cabo en pocas sentadas. En el curso de mi vida -aclara o vello loitador de 73 anos- he releído ese libro, una joya, varias veces. La última estando preso en la cárcel de Logroño».

No relato cervantino de Suárez Picallo hai unha referencia ao capítulo 4 da I Parte, protagonizado por un amo sen entrañas, Juan Haldudo, «el rico», natural de Quintanar, capaz de tributarlle unha malleira cruel a Andrés, criado de quince anos, polo feito de reclamarlle a súa mísera soldada. Foi ese capítulo (e o 31, a súa necesaria continuación) un dos que máis me impresionaron cando, sen cumprir os catorce anos, lin o libro, na aldea do Ribeiro, á luz do candil. Neses dous inesquecibles capítulos quizais está a esencia do quixotismo: na súa grandeza espiritual e nas súas limitacións prácticas.

Ignoro se Ernesto Che Guevara leu o Quixote, na Arxentina, de pequeno. Non esquezo, sen embargo, o encabezamento dunha das súas últimas cartas, a que escribiu a seus pais poucos días antes da viaxe sen retorno a Bolivia: «Queridos padres: de nuevo mis talones sobre el costillar de Rocinante».