Un retrato colectivo de Carvalho Calero a través das palabras

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Salvador García-Bodaño e Margarita Ledo son algúns dos participantes na iniciativa
Salvador García-Bodaño e Margarita Ledo son algúns dos participantes na iniciativa rag

A RAG promove a primeira das súas accións virtuais para festexar o 17 de maio

01 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O estado de alarma e a progresiva volta á normalidade en función das recomendacións sanitarias obrigaron a adiar a celebración do Día das Letras Galegas a outubro. A nova data para o pleno extraordinario que celebra a Real Academia Galega, o acto central das homenaxes á figura escollida cada ano, será o 31 de outubro, coincidindo co 110 aniversario de Ricardo Carvalho Calero, o protagonista da festa deste 2020. Será no Teatro Jofre de Ferrol, a súa cidade natal.

Pero o aprazamento non implica que se deixe de celebrar unha data tan simbólica para Galicia e a súa cultura como o 17 de maio. Aínda que non se poderá festexar na rúa, si se pode manter aceso o seu espírito nos espazos virtuais. Este venres a Academia pon en marcha a primeira desas iniciativas, chamada Unha palabra para don Ricardo, unha serie de pequenas pezas audiovisuais arredor de Carvalho Calero, na que membros da entidade, tanto de número como correspondentes, xunto con persoas que trataron ao homenaxeado, compoñen unha sorte de retrato colectivo.

O punto de partida é, de forma axeitada á celebración das Letras, unha palabra: cada participante escolle unha para retratar un trazo persoal do escritor ou unha faceta ou unha das súas obras. Galego cabal, poeta, filólogo, soñador, compromiso, orador, independente, galeguista e gramática, entre outros termos, son algúns deses ángulos dende os que se ofrecerá unha visión máis completa de Carvalho. Tamén haberá ocasión de ler algún dos poemas do autor. «Son intervencións breves que, no seu conxunto, conforman un poliedro de voces, admiracións e afectos», segundo o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

O encargado de abrir estas gravacións é Salvador García-Bodaño, que evoca o primeiro Día das Letras, celebrado en 1963, e no que Carvalho pronunciou unha conferencia sobre Rosalía. Sobre esa data pioneira fala tamén outro académico, Antón Santamarina, daquela estudante. Margarita Ledo, Ramón Villares, Xosé Luís Regueira, Mercedes Queixas, Darío Villanueva, Ana Romaní, Manuel González, Claudio Rodríguez Fer, Pilar García Negro, Henrique Rabuñal e Fina Casalderrey son, entre outros, os que prestan as súas intervencións e voces ao proxecto. A serie gravouse coa colaboración da produtora Arraianos e os participantes. Algunhas gravacións puideron realizarse na biblioteca do Parlamento de Galicia, nunha iniciativa promovida pola Associaçom Galega da Lingua, mentres que outras tiveron que ser rexistradas durante o confinamento.

Sentimental e melancólico

Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega vén de poñer en rede novas cartas de Carvalho, incorporando os seus epistolarios cruzados con Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane e Xosé María Álvarez Blázquez ao especial web que permite seguir a celebración do 17 de maio nos eidos virtuais. Son, en total, 23 cartas, que reflicten a faceta máis humana do persoeiro homenaxeado neste 2020, quen se describe a si mesmo deste xeito: «Sentimental como eu son segredamente» e «home malencólico».

Ademais, a Radio Galega empeza este venres a emitir pílulas arredor da obra do escritor.