Recuperan unha novela inédita de Méndez Ferrín

Por «Os corvos, a figueira e a fouce de ouro» foi encarcerado en 1969, acusado dun delito de propaganda ilegal

O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín
O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín

Redacción

En 1969 foi detido o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, xulgado e encarcerado durante case dous anos, por un suposto delito de propaganda electoral. A peza clave desa actuación foi unha novela, inédita e de 41 páxinas, do autor: Os corvos, a figueira e a fouce de ouro. Canda o mecanoscrito, outros artefactos perigosos a ollos da ditadura franquista, como libros de Mao Tse-Tung ou revistas sobre Cuba.

Ferrín, que asinara a obra como Laín Feixóo, defendeuse na súa primeira declaración na comisaría de Vigo, co argumento de que se trataba dunha ficción alegórica e que nunca pensara publicar. Pero non o salvou da cadea, senón que foi encarcerado primeiro en Vigo e logo en El Dueso en Santoña.

Máis de cincuenta anos despois esa obra de Ferrín regresa do esquecemento grazas ao traballo do profesor e investigador da Universidade de Vigo Fernando Ramallo. Tras unha conversa co propio Ferrín en marzo do 2018, localizou a novela a finais do ano pasado. «Pasados máis de cincuenta anos, a novela que serviu como proba para a acusación e que levou a Xosé Luis Méndez Ferrín a prisión permanece inédita e durante todo ese tempo, formou parte da documentación relacionada co caso nos fondos do que actualmente se coñece como Centro Documental da Memoria Histórica, dependente da Secretaría de Estado de Cultura con sede en Salamanca», declarou Ramallo ao Diario da Universidade de Vigo.

Tradución

O investigador valeuse das imaxes dixitalizadas da obra e dunha copia da tradución que fixera ao castelán Francisco Fernández del Riego para presentala no xuízo. A partir desas versións foi posible recuperar a totalidade do texto, xa que había copias con anacos ilexibles, pero neses casos foi posible consultar a tradución. O resultado é unha transcrición practicamente completa, agás por unhas poucas palabras. Ramallo dará conta da súa investigación nun artigo na revista A Trabe de Ouro e anima a Ferrín a que publique o libro: «Na nosa opinión, o texto, alén do seu innegábel valor literario, ten un valor histórico de primeira magnitude, polo que animamos ao seu autor a que a faga pública. Confiamos que así sexa, porque a súa publicación será o punto final da restauración e, asemade, Galicia quedará agradecida».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Recuperan unha novela inédita de Méndez Ferrín