Ave literaria con latexos de fondura e luminosidade

CULTURA

23 abr 2020 . Actualizado a las 16:57 h.

Luz Pozo Garza, que é o pentasílabo máis egrexio da poesía europea, fóisenos paseniño: foi durmir fóra, para sempre, onte á mañá. Dentro de dous meses, o 21 de xuño, cumpriría 98 anos. Hai tres, a Real Academia Galega tributoulle unha conmovedora homenaxe, no Día Internacional da Poesía, co título Un Pozo de Luz, título que ninguén merecía máis. Nesa ocasión, eu pronuncieime sobre unha grandiosa peza súa, Medea en Corinto, do ano 2003: pronuncieime sobre «a dimensión relixiosa do amor», que é a orixinalidade que a nosa creadora introduce no vello mito grego. Eu, que son home sen fe, concordo de cheo co tratamento literario de Luz, unha escritora que, non sendo, en certo modo, deste mundo, sitúase, platonicamente, no topos uranos das ideas puras e, desde esa instancia, non só ilumina o mundo senón que orienta á xente, coma min, máis mundana.

O de Luz é un caso de vocación literaria pura, e con esa pureza realizouse en verso aínda cando, seguindo as inevitables trompetas dos tempos, fixo incursións no surrealismo, no neotrobadorismo e, mesmo, na poesía social. Eu descubrina como creadora, desconcertado e entusiasmado, no servizo militar, cando Ramón Piñeiro me mandou, desde Santiago ao campamento de Segovia, un exemplar de O paxaro na boca, o primeiro libro da autora en lingua galega, de 1952.

Sempre foi fundamental o amor na obra literaria -e na vida- de Luz, o amor conxugado acotío de xeito moi persoal e luminoso. O profesor Claudio Rodríguez Fer, un dos seus mellores lectores, caracterizou a súa obra, naquel acto académico, pola «luminosidade carnal e espiritual dunha poeta metade erótica e metade mística». Fóra dos seus importantísimos libros de creación poética, asombra nela o intelixente e vivencial exercicio de comprensión para facernos sentir os mellores poemas de Rosalía de Castro, tema do seu discurso de ingreso na Academia, ao que eu -catecúmeno á súa beira- respondín con admiración. Esclarecedores son tamén os seus libros e traballos sobre outros poetas nosos: Mendiño, Martín Codax, Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel, Luís Seoane e Eduardo Moreiras, tan presente na súa vida.

Luz Pozo Garza, nome de ave literaria con latexos de fondura e luminosidade, é un caso excepcional de vocación literaria. Ninguén máis comprometida coa causa poética por necesidade íntima e para a súa realización persoal, só imaxinable na esfera das palabras reveladoras. Ela era a Poesía.