O ferreiriño

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

14 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ferreiriño, que poden ser varios pero a min sempre me parece o mesmo, peta contra o cristal do meu cuarto case todas as mañás. Insiste como querendo entrar para o interior da casa, tentando traspasar esa fronteira que marca o cristal para como esculcar dentro. É curioso ver como semella tentar entrar durante un bo espazo de tempo ata que se farta. Logo desaparece e non o volvo ver ata o día seguinte, mais ou menos á mesma hora na que volve repetir o ritual. Téñoo visto noutras fiestras da casa, pero na do meu cuarto máis porque tamén estou máis tempo neste lugar que noutros espazos. A miña ventá é unha galería e quizais lle chame máis a atención que unha simple fiestra. Moitas das veces que o teño visto coincide que estou tocando e ténseme pasado pola cabeza pensar que pode ser que para el sexan engaiolantes os sons da música. Tamén pode ser que sinxelamente vexa o ceo ou as árbores reflectidos nos cristais ou a súa propia imaxe coa que dalgún xeito estea interactuando pensando que poda tratarse doutro paxaro.

O caso é que en xeral os paxaros na primavera están espléndidos e onde eu vivo é espectacular velos e escoitalos cando se deixan. De ornitoloxía sei pouco pero quedo pasmado coa variedade de cantos que se poden escoitar en diferentes tons, timbres, ritmos e ata por veces charlas ben profundas entre eles. Sinto como os petos peteiran nas árbores ocas, o son monótono e pautado das pombas torcazas, as grallas dos bravos corvos, admiro o voar maxestoso e elegante dos miñatos e outras rapaces, contemplo aparvado o xogo permanente dos paporrubios e o non parar de merlas e merlos que traballan sen descanso.

O mundo dos paxaros é apaixonante e complexo, cada un en si é unha marabilla da natureza. Hai que dedicar moitas horas para entender todo o que abarca esta fermosa delicadeza, e non hai que saber moito para darse conta de que eles son un dos mellores medidores de como está a nosa contorna, e que si non os escoitas nin os ves, algo inquietante está pasando. Polo tanto celebro e alégrame moito poder ver todos os días ao Ferreiriño testalán e sentir semellante sinfonía variada de cantos e movementos.