Descubrindo tesouros

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

08 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca tan ordenados tiven os vellos discos de vinilo, nin as fotos, nin as cintas casete, nin os cedés, nin os libros, nin as cartas manuscritas. Nunca tan ben tiven cortada a herba da finca, nin tan matizadas as polas das árbores e non hai silveira que se desmande, porque aí estou eu para non deixala medrar. Nunca me parei tanto a escoitar os cantos dos paxaros, nin observei dun xeito tan preciso a forza coa que a primavera chega, nin vin tantas formas nas nubes, nin nunca me quedei tanto tempo mirando medrar a herba ou sentindo como crocan as pinas co calor, ou o afanoso traballo das abellas. Gozo vendo chover, gozo co sol na miña cara, gozo de ver como xogan os cans, como cantan os galos, como voan as rapaces no val mentres sinto tamén a ruidosa actividade humana de tractores, maquinarias variadas e algún que outro coche de cando en vez….

No mundo en que vivimos semella que nunca temos tempo a percibir cousas que cando se para, si apreciamos. Agora está parado e o mundo das presas, da chamada normalidade, que non é normal, temos a oportunidade de escoitar, sentir, ver, palpar e descubrir a auténtica e xenuína normalidade. Atopei libros, cartas, músicas, fotos, cousas que estaban agochadas e que agora aparecen de novo como se fosen tesouros que tiñamos esquecidos. Tamén amigos e xente preguntando como te atopas e de novo redescóbrelos adquirindo todo de súpeto, outra dimensión.

Son dos que penso que nada mudará despois disto, creo que repetiremos erros e que toda a boa vontade e fraternidade que agromou nesta situación desaparecerá cando o medo se esvaeza e de novo estaremos condenados a repetir, pero eu sentinme en comuñón coa natureza nestes primeiros días da primavera como dende facía moito tempo, ordenei as miñas cousas e descubrín tesouros, un deles, unha gravación do primeiro festival celta de Ortigueira do ano 1978 co discurso dun nervioso mestre Xosé Filgueira Valverde ante unha multitude que quizais non comprendía ben as súas palabras. Ás veces explicarse é difícil e entender tamén ten a súa complicación.