Woody Allen no labirinto

CULTURA

04 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dous anos, o cineasta Woody Allen declaraba en Nova York, nun programa dunha televisión arxentina, que el debería ser a cara dos carteis do movemento MeToo, porque toda a súa obra era un símbolo da loita contra os abusos de homes poderosos sobre mulleres. E afirmou: «Eu traballei en películas durante cincuenta anos con centos de actrices e nin unha soa, grande, famosa, protagonista… suxeriu nunca ningún tipo de comportamento indecente pola miña parte».

Subliñaba Allen nas súas declaracións que empregara «a máis de 200 mulleres no equipo detrás das cámaras e sempre lles pagamos exactamente os mesmos salarios que ós homes». E insistía en que el sempre estivo a favor de que se leve ante a xustiza ós «terribles acosadores», porque «o que me molesta é que me vencellen con eles». Traio aquí estas declaracións de Woody Allen (unhas das moitas súas) porque creo que falan, non só do movemento MeToo, senón do que hai arredor del, e que non é todo xusto, nin todo limpo, nin todo imparcial, nin todo equitativo, aínda que tal movemento xurdise dunha necesidade de xustiza que non estaba en discusión.

Seguiremos a defender a Woody os que pensamos algo sinxelo: que se é culpable debe estar no cárcere, e que, se non o é, como parece, debería seguir a facer películas. Hai pouco, a editorial Grand Central Publishing, división de Hachette Book Group, adquirira os dereitos de A Propos of Nothing (A propósito de nada), a súa autobiografía, para saír á venta o 7 de abril, pero axiña recuou ante as acusacións familiares. Outras catro das principais editoriais xa rexeitaran o libro polas acusacións de abuso sexual de Dylan Farrow, filla adoptiva de Mia Farrow, exesposa de Allen. Agora, Amazon distribuirá o libro (de 400 páxinas) publicado por Arcade Publishing en EE.UU. E en España, Alianza confirmou a edición para o próximo 21 de maio.

Mentres tanto, moitos seguen a defender ao cineasta. A actriz Brigitte Bardot (83 anos), quizais a muller máis admirada por Allen, non deixou de atacar o movemento MeToo por considerar que, nel, as actrices «só buscan publicidade». Así de selvático é o espazo no que se move aínda todo isto.