Os días da febre de Carlos Casares

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Conferencia de Carlos Casares na Casa da Cultura de Ribadavia en novembro de 1996
Conferencia de Carlos Casares na Casa da Cultura de Ribadavia en novembro de 1996 Santi M. Amil

Na edición dixital de La Voz pode lerse unha selección das columnas do escritor para o xornal, nas que tamén reflexionaba sobre gripes e vacinas

03 abr 2020 . Actualizado a las 13:31 h.

Como pasaría Carlos Casares esta corentena? Moi posiblemente, lendo a Cervantes:

«Eu dixen moitas veces que aproveito gripes e trancazos para ler El Quijote por partes, picando aquí e alá, sen plan, buscando episodios divertidos. Supoño que esa afirmación forma parte da miña mitoloxía persoal, porque non resulta fácil ler nada nestas circunstancias».

Así o deixou escrito nunha das súas columnas para La Voz de Galicia, publicada o 18 de decembro do 2001 e titulada Tremendo trancazo. Unha selección deses artigos está dispoñible na edición dixital do xornal, dentro da sección Á marxe do tempo, recompiladas pola fundación do autor. E quen queira gozar da colección completa, pode ler os textos nos volumes que publicou Galaxia, agrupados por ano.

En Á marxe, Casares emprendeu un senlleiro proxecto diarístico, no ronsel dos logros de grandes autores como Camus, Torga ou Pepys. Relataba anécdotas e debuxaba retratos dese gran viveiro que foi a súa infancia, daba conta de viaxes e lecturas, analizaba cuestións de actualidade que poderían pasar inadvertidas, pero que, igual que todas as súas historias, contiña unha idea, unha reflexión.

Mundo interior e exterior

As columnas eran tamén unha fiestra ao mundo interior do escritor, enfermidades incluídas. Algunhas, como a titulada Pensar e sentir, tamén do 2001, parecen reflectir a situación actual: «Este ano, nos próximos meses, arredor de vinte e cinco mil americanos van morrer como consecuencia da infección provocada por un axente biolóxico moi activo, que non resulta fácil de tratar con medicamentos, que fai mutacións rapidísimas e que se contaxia con extrema facilidade, de persoa a persoa. As primeiras vítimas van ser, sobre todo, xente maior, enfermos crónicos e nenos, pero sen descartar xente nova que goza de boa saúde e, por suposto, algunhas mulleres embarazadas». Ou tamén falaba de vacinas: «Non deixa de ser curioso que con todo o que leva progresado a Medicina, aínda non haxa un remedio eficaz contra os catarros e as gripes».

Non é arriscado aventurar que nestes días Casares volvería a Cervantes e a outras lecturas e que, sendo como era un amante das novas tecnoloxías, usaría Internet para manterse ao tanto da evolución do coronavirus. Non é posible sabelo con total seguridade, pero si é posible seguir gozando dos seus libros e os seus artigos.