Fame de palabras que reconfortan

A celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil en pleno confinamento evidencia o importante papel dos creadores para a mocidade e as complexidades do seu ámbito

O esloveno Damijan Stepancic foi o autor do cartel deste ano
O esloveno Damijan Stepancic foi o autor do cartel deste ano

redacción / la voz

É moi posible que o autor esloveno Peter Svetina non soubese o profético que ía ser o lema escollido para o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra este xoves. Fame de palabras. Agora, en tempos de illamento e incerteza, hai fame de palabras que reconforten. Palabras dos seres queridos, das que circularon en forma de versos polas redes e tamén das que viven nos libros, aliados imprescindibles de moitos nos días de confinamento, en especial dos moitos escolares aos que lles suspenderon as clases. Eles son os destinatarios últimos deses volumes aos que se festexou onte, canda os seus creadores e todos os que contribúen a facelos realidade, e que viven esta crise entre o agarimo das palabras e preocupación polas previsibles dificultades económicas e sociais que se aveciñan.

Por seguir co símil, libros que María Solar, autora de títulos para diversos tramos de idade da mocidade, denomina «alimento para a alma». «Estes días leo moito co meu fillo na casa e quedou máis claro que nunca que os libros son ao mesmo tempo explicación e descuberta, xunto con evasión: podes aprender das cousas, pero, se así o desexas, tamén fuxir delas coa imaxinación», relata. A escritora cre que a corentena é un bo momento para reflexionar sobre ese papel central que a lectura e o libro deben ter na casa: «As familias teñen que decatarse de que son cousas que non se poden deixar só no ámbito do ensino».

Son esas «horas de lectura imprescindibles» ás que tamén alude Pilar Sampedro, vicepresidenta segunda de Gálix, a entidade galega arredor do libro infantil e xuvenil. «É parte fundamental da aprendizaxe e da vida. Nos libros aprenden a identificarse con personaxes, a expresar sentimentos, a saber que non están sós e que o que lles pasa a eles tamén lles pasou a outros antes, a vida en definitiva», resume. Gálix deu prioridade ás redes na celebración deste ano, coa publicación de recursos en liña para a lectura cos máis pequenos ou o concurso Un poema na túa voz. Do mesmo xeito, Sampedro eloxia as iniciativas de editoras que veñen de ofrecer en aberto contidos para lectores novos ou as sesións gravadas coas que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra compensou a cancelación dos actos presenciais.

«Contos contados»

Unha iniciativa semellante foi a que puxo en marcha Kalandraka, Contos contados, vídeos na súa canle televisiva en Internet dedicados aos relatos. «Hai xente que nos escribiu para darnos as grazas e contarnos o importante que é para eles como familia rematar o día cun destes contos», explica Xosé Ballesteros, director do selo. Ballesteros, que tamén preside a Asociación Galega de Editoras, advirte de que a crise económica que pode traer esta excepcionalidade sanitaria tería consecuencias negativas no libro e na cultura en xeral. «É importante que non peche ningunha librería. Os puntos de encontro, as actividades culturais, veranse afectados. Subirá o consumo en liña, pero hai que lembrar a outros implicados no sector de gran importancia, como son as imprentas de proximidade», engade.

María Solar coincide nesa alerta e subliña a xenerosidade de creadores e outras persoas na cadea do libro, como tamén da música, do cine ou do teatro, por citar máis artes, que estes días comparten en aberto o seu traballo. «Non hai esquecer ese acto de xenerosidade, porque é o seu traballo, son ingresos importantes ou vitais para moitas destas persoas», ilustra. «E non pode quedar a sensación de que isto é de balde». Precisamente esta situación evidencia que a cultura non é o superficial do que se prescinde nunha crise, senón o que lle dá azos a moitos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Fame de palabras que reconfortan