Afonso X, o sabio alén das Cantigas

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

El rey mantuvo una intensa relación con Galicia
El rey mantuvo una intensa relación con Galicia

O reputado medievalista Antoni Rossell será o comisario dunha exposición coa que o Consello da Cultura afondará na relación política e cultural do rei con Galicia

04 abr 2020 . Actualizado a las 04:00 h.

Se cadra, no interior da pequena talla de marfil que custodian as clarisas de Allariz —que recibiron da raíña Violante, compañeira do rei Sabio— gárdase un dos primeiros bocados da literatura galega. A virxe abrideira contén as mesmas escenas coas que se abre o primeiro volume do códice rico das Cantigas de Santa María, que naceron na corte dun rei que atopou na lingua galega un instrumento de poesía.

Afonso X, o Sabio, finaba tal día como hoxe de 1284. O tempo non foi quen de borrar a intensa conexión que o rei tivo con Galicia. Dese lazo indestrutible falará unha exposición que prepara xa o Consello da Cultura e que será comisariada polo reputado profesor en estudos comparados de literatura e música Antonio Rossell. Un novo relato que vén alumear unha faceta que se cadra quedara ensombrecida noutras mostras, máis centradas en amosar imaxes recias e panorámicas sobre o rei sabio.

Se de algo sabe Antoni Rossell é de mesturar os códigos contemporáneos coa literatura medieval. Tamén nunha exposición que aínda ten por diante moitos meses de traballo, pero que agroma xa cun carácter interactivo, cun xeito de trasladar contido adaptado á sociedade da información afeita a unha arañeira de códigos intertextuais, a unha simboloxía que vén de vello asumida de xeito inconsciente e que tamén inconsciente abrolla nas interpretacións. As imaxes son o gran transmisor cultural do século XXI.

A exposición do Consello da Cultura, na que colaboran a Deputación de Ourense, a Xunta e mais a Universidade de Santiago, será un novo xeito de mergullarse na figura do rei sabio e na cultura do seu tempo. Unha fiestra —se cadra é máis aquelado falar nesta ocasión dunha pantalla que se acende— a unha corte na que fervellaba a creación lírica e que deu acubillo aos mellores talentos da escola trobadoresca galego-portuguesa. Un ecosistema tan nutritivo que o mesmo rei foi tamén compositor de magníficas cantigas, algunhas dentro das Cantigas de Santa María.

O códice de Toledo

Porén, e mentres este novo relato sobre Afonso X, se vai tecendo durante os vindeiros meses, xa hai xeitos de explorar a figura do rei sabio. Coincidindo co seu cabodano, o Consello da Cultura vén de recuperar diversos materiais que foi editando sobre a relación do rei medieval de Castela con Galicia.

O Consello vén de recuperar, para a súa consulta a través da Internet, da edición que fixo sobre o Códice de Toledo, o menos coñecido dos catro manuscritos das Cantigas de Santa María e que se publicou en edición facsimilar que facilitaba así o estudo do códice. Abofé que había demanda, porque houbo unha segunda edición no 2008 e no 2010 publicou unha transcrición, estudo preliminar e notas da profesora Marta E. Schaffer, unha especialista que levaba anos estudando as cantigas.

Ademais, pódese consultar a reconstrución 3D da virxe abrideira de Allariz, das máis antigas que existen e sobre a que se construíu unha lenda que di que foi realizada por un neto de Afonso X e raíña Violante, fillo de Sancho IV e de María de Molina, que nacera mudo.