
O Día das Artes Galegas celebra a quen pasou o barroco pola peneira da identidade galega e dende Compostela espallou polo país un xeito único e esplendoroso de construción
01 abr 2020 . Actualizado a las 17:56 h.Empeñada nos cortes limpos, nas gabetas ben ordenadas, a historia esquece ás veces os espazos borrosos nos que agroma o xenio que cambia un país. De a cabalo entre dous séculos, Domingo de Andrade é o barroco antes do barroco. O capitán do tránsito cara a unha nova Galicia esplendorosa, redonda e zumarenta como as decoracións vexetais que coroan a Berenguela. Velaquí a primeira parada do paseo que o profesor Alfredo Vigo Trasancos propón para o Consello da Cultura polas obras dun mestre de obras que non se sostiña nos libros, senón no sagrado. O responsable da catedral de Santiago tiña que ser, por forza, o arquitecto do sobrenatural. O Día das Artes Galegas celebra este mércores a súa figura.

A Torre do Reloxo foi a súa primeira obra como mestre de obras da catedral. E xa coa primeira «impacta». Vigo Trasancos constrúe, con palabras, igual que Andrade fala con perpiaños e doelas. E na súa conversa vaise erguendo un tótem arquitectónico, un faro para un santuario que transcende Galicia e que configura «una especie de Jerusalén celestial, como si Dios tocase a Santiago» e a convertese nunha cidade paradisíaca.
Do ceo, ao chan. Hai nun recuncho de Praterías unha cuncha espectacular, un exercicio de habelencia que sostén a catedral case se foise unha man. Unha escaleira pendurada do ceo. «Es como si el Apóstol hiciese de atlante y sostuviese con su cuerpo simbólico [a cuncha e a cruz] esa parte de la catedral». É tamén unha arquitectura mimética co traballo renacentista de Rodrigo Gil de Hontañón. Sabe subordinarse para que a arquitectura sexa harmónica.

Do público, ao privado. Proxectouse como unha escaleira íntima no convento de San Domingos. Un lugar de paso para os relixiosos. Nin de aparato, nin a principal. Pero o xenio durme nas cousas modestas. E a solución da escaleira do Museo do Pobo Galego converteuna nunha marabilla. Escaleiras de caracol había xa moitas e moi brillantes, pero en ningunha cada rampla helicoidal levaba a un andar. E ademais, a súa forma lembra ás columnas salomónicas, «que también son una metáfora de lo sobrenatural».
No granito modelado por Andrade hai sempre agochada unha metáfora. A súa arquitectura nunca é arquitectura sen máis. Nunca é só funcional. E vese tamén na capela do Pilar, que naceu como unha sancristía nova. Dominada pola verticalidade, porque non había moito espazo, vai á procura da luz. De novo, o sobrenatural. Andrade optou pola decoración de mármore, na que domina o negro e vermello, con simboloxía funeraria e martirial (a catedral é o sepulcro dun mártir). Andrade finou sen vela rematada, e o arcebispo Monroy encargou a Casas Novoa reconverter a sancristía nunha capela do Pilar no que dispoñer o seu sepulcro. A decoración do retablo vólvese clara, leitosa, afeminando o espazo, facéndoo virxinal.

Un anaco da fachada da catedral que puido ter erguido Andrade
Hai na praza da Quintana un anaco do que puido ser pero non foi. Un exemplo de como sería unha gran fachada catedralicia proxectada por Domingo de Andrade. No Pórtico Real da Quintana, o arquitecto sobrenatural constrúe sobre o construído. Actúa sobre outro pórtico que non tiña moitos anos e que proxectara Peña de Toro, outro nome importante na chegada do barroco pero que, ao contrario de Andrade, que peneira o novo estilo polo baruto galego, é máis proclive ás formas foráneas.
Próximo á arquitectura de Paladio, un dos grandes do Renacemento italiano, predominan as formas clásicas de columnas e pilastras e a orde dórica, que está asociada ao masculino dende Vitruvio. En orixe, había unha escultura de Santiago cabaleiro, militar, que cadra co uso do dórico, pero tamén a Pedro. O dórico e o toscano eran apropiados para os apóstolos. Non hai azar na obra de Andrade. O pórtico remátase en 1700, ano santo simultáneo en Compostela en Roma. «Probablemente Andrade quiera buscar una especie de hermanamiento arquitectónico» no pórtico, con partes máis decoradas e outras máis clásicas. Dúas cidades santas, dos anos xubilares e os dous grandes patróns, san Pedro e Santiago. «Creo que así se explicaría mejor el juego de barroquismos y clasicismos que es menos visible en otras obras de él».