Agardando

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

31 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En pleno confinamento caseiro por mor da impredicibel pandemia do coronavirus un ten máis tempo do habitual para facer e pensar. Por sorte, teño un terreo amplo onde nunca me faltan tarefas, mais non deixa de ser un lugar limitado e o feito de non poder desprazarme máis que para mercar o imprescindible unha ou dúas veces por semana obriga a que teña que discorrer o que facer no incómodo, pero preciso, confinamento. Aquí non aplaudimos ás horas sinaladas porque aínda que o fixésemos ninguén ou case ninguén nos escoitaría, pero si temos moi claro dende moito antes disto o importante que é o labor dos sanitarios que están en primeira liña, todo o traballo que realizan e, neste caso, deixándose moito máis que a propia pel para acabar co problema e prestixiando como nunca a nosa sanidade, que a pesar dos recortes segue sendo das mellores.

Todo ese grupo humano que conforma a sanidade pública sempre estivo moi presente nas prioridades de recoñecemento que como familia temos, entre outras cousas, porque por diferentes vicisitudes da vida tivemos que vernos en circunstancias de afrontar momentos delicados e o trato sempre foi exquisito. Do mesmo xeito, cremos en todos aqueles que fan que o sistema se manteña en momentos tan delicados, xentes que por certo a maior parte das veces resultan invisíbeis. Desta imos saír. O virus, lamentablemente, levarase moitas vidas por diante, pero retomaremos a normalidade moi de vagariño, e aí seguiremos de novo. E se os momentos vividos nesta inesperada e tráxica primavera do 2020 deron para algún tipo de reflexión oxalá sexa para contribuír a facer un mundo un pouco mellor e non esquecer rapidamente para volver ao mesmo rego.

Agora toca esperar e ir vendo como cada un, dende a nosa posición, nos imos resituando nun mundo descolocado por esta anomalía tan estraña e nova. Aí é onde está o seguinte gran reto que será como un case que comezar de novo. Veremos no ámbito da música e dos concertos como vai afectar toda a situación vivida e o que mudarán as cousas. Agora toca agardar e ser pacientes neste mundo de présas.