Versos póstumos do mellor poeta do mar

A Academia Galega conclúe a dixitalización e difusión en Internet dos seus fondos de Gonzalo López Abente, con manuscritos de temática amorosa e relixiosa

Gonzalo López Abente, retratado por Quintás Goyanes
Gonzalo López Abente, retratado por Quintás Goyanes

redacción / la voz

«A rexa tempestade, o vento fero / e o mar que se retorce e ruxe de ira / non son capaces de torcer a senda / que sigue a barca miña». Estes versos de Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963) son un dos moitos testemuños escritos do papel que o mar e, en concreto, a paisaxe bravía da Costa da Morte, exerceu na súa poesía. Esa forza telúrica do oceánico acadou tal relevancia nos seus versos que alguén como Vicente Risco declarou que López Abente converteuse «no mellor poeta do mar».

Os versos citados pertencen ao poema A tempestade e forman parte do fondo documental do autor muxián que conserva a Real Academia Galega. A institución vén de completar a dixitalización deste material, accesible a quen queira consultalo a través do Arquivo Dixital de Galicia. Trátase dunha serie de textos autógrafos que permaneceron inéditos ata despois do seu pasamento. 

Poemas mecanoscritos e manuscritos de López Abente
Poemas mecanoscritos e manuscritos de López Abente

Praias e costas

«Foi sempre un namorado dos silencios de Muxía, dos poentes enxergados dende a soleira da Nosa Señora, dos calmos paseares polas praias e costas e as terras e a ilas deitan pautadas por os ríos calados. A xeografía poética de López Abente alóngase pouco, afonda moito e tén a Muxía por síntesis, chave e rosa», foi o que escribiu Otero Pedrayo na necrolóxica incluída no Boletín da RAG. A entidade dedicoulle o Día das Letras de 1971, ano no que tamén editou o seu poemario Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Nos últimos anos publicáronse libros como Bretemada ou a súa obra poética completa, ambos ao coidado de Miro Villar, para quen o feito de que estes fondos sexan accesibles é «unha magnífica noticia».

Villar explica que estes documentos, manuscritos ou mecanoscritos, como é o caso de Bretemada, pertencen a épocas distintas na traxectoria de López Abente. Por isto mesmo, sen contradicir a declaración de Risco sobre «o mellor poeta do mar», cre que o escritor muxián era dono de máis facianas e que cómpre non quedar só nesa do mar. «Eses textos formaban parte de proxectos de libros e, como tales, están suxeitos aos intereses do autor nesas diferentes épocas», afirma. Xa que logo, hai outras temáticas, entre las que Villar cita a épica en Bretemadao amor, así como o pasamento dun ser querido, xa que López Abente perdeu á muller pouco despois do casamento. Outra temática que o especialista percibe nestes poemas é o dunha relixiosidade que aparece sobre todo nunha época máis serodia, e que se pode relacionar cos poemas dedicados á Señora da Barca. A Fundación López Abente constituíuse hai agora dez anos e entre as súas actividades figura a organización dun premio de poesía que xa leva seis edicións, a útlima das cales gañou Ana Varela.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Versos póstumos do mellor poeta do mar