Quen está alén da cuarta parede?

O Consello da Cultura vén radiografar o estado do teatro en Galicia, caracterizado polas salas de aforo reducido, os espectáculos fundamentalmente para adultos e público familiar e a inestabilidade laboral


Santiago / La Voz

Cando se ergue o pano, quen está ao outro lado da cuarta parede? O máis probable é que sexa unha muller de entre 30 e 49 anos, con estudos universitarios e que vive nunha das sete cidades. É o perfil que sae dos datos que recompilou o Consello da Cultura e que se poden consultar no avance do informe sobre o estado do teatro galego, nos que se analiza dende a perspectiva da xestión, a creación e o público.

Na platea, nos palcos e nos galiñeiros galegos hai sobre todo mulleres de contornas urbanas, e as cidades, de feito, concentran a programación. Todo iso, a pesar de que a maioría dos espazos teatrais están en ámbitos rurais, pero teñen aforos reducidos. Máis do 70 % non supera as 300 butacas e a metade dos espazos escénicos están en concellos de menos de 10.000 habitantes . A inmensa maioría son de titularidade pública e de baixo orzamento. Só o 16 % dos programadores e programadoras enquisadas dixeron ter un orzamento por riba dos 50.000 euros no 2018. E o 57 % programaron só funcións gratuítas.

Porén, as persoas que acoden ao teatro gastan, de media 84 euros nestes espectáculos, aos que asisten de media preto de sete veces no ano. As preferencias son, fundamentalmente, o teatro para adultos e os espectáculos infantís ou de carácter familiar. O 59 % das funcións foron en lingua galega, aínda que a porcentaxe se reduce nas contornas urbanas: un 70 % para o ámbito rural fronte a un 50 % das zonas urbanas.

Unha das grandes eivas do sector é a precariedade creativa. Segundo o adianto do informe do Consello da Cultura, profesionais cun elevado nivel de formación (predominan as titulacións universitarias) pero unha de cada catro non traballou o ano pasado en nada relacionado coas artes escénicas e só o 31 % tivo como única fonte salarial o sector das artes escénicas. O 27 % non cobrou nada do sector.

Entre quen si percibiu ingresos, a porcentaxe redúcese a medida que aumentan as cantidades. O 35 % ingresou menos de 900 euros e só o 4 % por riba do 2.400. E un terzo dos profesionais traballaron en compañías de baixo orzamento, por debaixo dos 25.000 euros. Apenas o 11 % estivo en compañías con orzamentos por riba dos 50.000 euros.

A profesionalización é a principal eiva no caso da xestión. O perfil é dunha muller de 49 anos, que traballa para a administración, en xeral sen dedicación exclusiva, sen formación específica nin experiencia previa neste ámbito laboral.

Rebeldía creativa

Aínda que a crise sanitaria impediu esta semana a celebración da gala dos premios María Casares, a Asociación de Actrices e Actores de Galicia publicou hoxe o seu maniifesto, que este ano está asinado por Isabel Risco, que ía ser a encargada de lelo na gala. A actriz salienta no seu texto a rebeldía creativa das artes escénicas

«Declarémonos insubmisas da ameaza dos urcos encadeados con gravatas de seda que cuspe o mar embravecido e que presiden a falsidade e intentan reducirnos a cinzas», arrinca un texto que tamén fai un chamamento a unhas artes escénicas feministas, resistentes e defensoras da cultura e da lingua galega.

«O CDG debe ser a bisagra que poña en conexión Europa e América»

Montse garcía

O vigués sostén que a colaboración con Portugal e con outros países «pode enriquecer o teatro galego»

«O CDG ten que soltarse os complexos e abrirse ao mundo». Con esa premisa como unha das bases do seu proxecto e apostando «pola dramaturxia contemporánea, a transdisciplinariedade e a internacionalización», Fran Núñez (Vigo, 1986) comeza o seu traballo á fronte do Centro Dramático Galego (CDG). Tomou posesión do posto o luns converténdose no director máis novo da compañía pública galega.

—Produtor, director, actor, dramaturgo, escenógrafo, iluminador..., que foi o que o levou a presentarse a dirixir o CDG, co que tamén traballara en tres coproducións?

—En parte era iso, que coñecía un pouco a casa por dentro de facer coproducións —tres en dez anos, con tres direccións diferentes— e apetecíame o reto de poñernos a traballar aquí xa dende dentro porque creo na importancia do teatro público. Ademais, no momento profesional no que estou, penso que son suficientemente novo como para ter ilusión, forza, ganas e facer cousas arriscadas, pero tamén teño xa a experiencia e o traballo de anos para non ser un kamikaze e ter a bagaxe para termar e ter a paciencia para facer as cousas. Penso que estou nun momento de equilibrio que penso que pode ser bo para o Centro Dramático Galego.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Quen está alén da cuarta parede?